Pablo Castro, presidente de Xaquedrum: “Queremos que o club sexa de todos”

Jessica Fernández
A asociación Xaquedrum fai 25 anos traballando con rapaces e rapazas para promover o xadrez en Lugo. Fálanos do proxecto Pablo Castro, presidente da entidade e alma mater dun club que, ademais de formar xogadores, crea comunidade, promove valores e aposta pola educación a través dun deporte milenario.
“Xaquedrum é unha entidade de voluntariado de xuventude onde utilizamos o xadrez como unha ferramenta progresal para os rapaces, tanto os máis novos como os adolescentes”. O obxectivo é dobre: por unha banda, promover o xadrez como actividade; por outra, implicar á mocidade no voluntariado e na organización das propias actividades.
Todo comezou con talleres de promoción nun colexio de Lugo. “Ao principio empezamos facendo talleres no colexio Illa Verde pola tarde, como actividade extraescolar. E despois decidimos organizar un torneo grande”. Aquela primeira experiencia puxo en marcha unha dinámica que acabaría por consolidarse coa creación dunha escola e dun club federado.
Así, a escola naceu para dar continuidade aos primeiros pasos do alumnado. “Co tempo vimos a necesidade de ter un club para poder competir, xa que os rapaces que ían participando podían xogar na liga local de Lugo. E ademais, despois, cos que xogaban mellor, podías darlles unha formación máis técnica no local”.
Na actualidade, a asociación conta con uns 85 socios, pero a cifra de xogadores federados é moito maior: arredor de 320 persoas participan nalgunha das súas actividades. “Hai xente de todas as idades, desde pequenos a maiores. Temos dous grupos de iniciación e un de tecnificación. É un exercicio de interxeracionalidade, porque un rapaz de 10 anos pode compartir aula cun señor de 45 e compartir nivel. Aquí vai por nivel, non por idade”.
OS ÉXITOS
Xaquedrum medrou mantendo unha filosofía participativa e horizontal. “Promovemos que todo o mundo participe tanto na organización, como na actividade, como para recoller. É unha forma de que o club sexa máis seu, para que vexan que o club non é dunha persoa ou da directiva, senón que todos poden participar activamente e tomar decisións”. Moitos dos monitores actuais comezaron sendo xogadores da escola. Isto é posible grazas aos proxectos de iniciativa xuvenil da Xunta, nos que Xaquedrum participa regularmente. “Cada vez que sae a subvención colaboramos, e son proxectos onde os mozos fan todo: desde o inicio ata o final. Así séntense implicados, relaciónanse entre eles, teñen que organizarse, planificar e reflexionar sobre o que fai falta para facer a actividade. É moi interesante, porque normalmente daslles as cousas feitas, e aquí son protagonistas”.
No ámbito competitivo, Xaquedrum é unha potencia: “Somos o club con máis equipos en Galicia. Iso demostra que temos unha canteira moi grande e onde participa moita xente”.
Os éxitos individuais tamén chegan: “Este ano, Pablo López Valera foi campión de España universitario. E Marcos Iglesias chegou ao campionato de España e quedou empatado co terceiro posto. Acabou sétimo, pero con iguais puntos. Ademais, todos os equipos do club este ano mantivéronse ou ascenderon. Temos equipos en todas as divisións, e nas primeiras case co máximo de clubes permitidos”.

AS ACTIVIDADES
Ademais da escola e da competición, Xaquedrum levou a cabo numerosas actividades e proxectos innovadores. “Fixemos moitísimas cousas”, di Castro. “Un dos momentos máis bonitos foi un intercambio con varios países. Fomos país de acollida e fixemos actividades de xadrez e tamén culturais. Estivemos en Santiago, na Coruña… Foi hai 6 ou 7 anos e foi unha experiencia moi enriquecedora para os mozos e para todos”.
Outro proxecto especialmente destacado foi unha iniciativa europea chamada Sadelia, centrada no uso do xadrez en contornas sociais. “Era unha actividade que faciamos en diferentes espazos como o psiquiátrico do HULA, con mozos con problemas xudiciais, con voluntariado... Era un proxecto moi chulo”.
A actividade do club susténtase grazas ao apoio das administracións. “Os nosos principais apoios son o Concello de Lugo, a Deputación e a Xunta. Dentro do Concello, ademais da asociación, levamos un proxecto que se chama Xadrez Escolar. A través da área de educación, intentamos promocionar o xadrez en todos os colexios de Lugo”.
Este proxecto inclúe actividades durante o horario lectivo, torneos escolares e eventos abertos á cidadanía: “En xuño facemos o xadrez xigante na Praza Maior e en xullo no Castiñeiro. En setembro volvemos á Praza Maior e en outubro xa empezamos as clases na escola. Tamén levamos torneos ao mercado, e organizamos o torneo entre institutos”.
Este último foi unha aposta arriscada que saíu ben: “Cada vez había máis mozos de instituto que querían aprender ou tecnificarse. Pensamos que podía ser interesante facer un torneo entre institutos. Foi moi positivo: participaron 101 xogadores e xogadoras de 6 institutos da cidade. Nalgúns centros houbo que facer fase previa porque se apuntaran 50 e só podían participar 20”.
Xaquedrum tamén traballa para facer do xadrez un deporte máis inclusivo. “O xadrez é máis deporte de rapaces. Pero intentamos promocionar para que participen cada vez máis rapazas. Este ano tivemos un equipo de nais que se implicaron. Ao principio custa arrincar, pero cada ano creo que haberá máis nais, porque unhas tiran doutras. Tamén tivemos equipos femininos. E aínda que a liga é mixta, se fas un equipo feminino elas séntense máis apoiadas e seguen xogando”.
OS BENEFICIOS DO XADREZ
En canto aos beneficios do xadrez, Pablo Castro é contundente: “A capacidade de atención, a memoria... Para os maiores é moi bo. Aínda que xoguen de forma básica, están continuamente pensando onde pode ir cada peza, que lles están ameazando… É un ximnasio mental. Unha partida é un esforzo”.
Ademais, moitos adultos achéganse ao xogo con motivacións persoais: “Hai xente que pensa que o xadrez é moi difícil, pero como o introducimos nós, paso a paso, é relativamente sinxelo poder xogar. Moitos maiores queren aprender para poder xogar co seu neto ou co seu fillo”.
E na infancia é onde se ven os maiores beneficios: “Cando das clases en quinto e sexto de Infantil ou primeiro de Primaria, ves que son esponxas. Só por mellorar a capacidade de atención xa paga a pena. E na adolescencia é moi interesante pola toma de decisións: é un continuo decidir e aceptar as decisións que tomas, boas ou malas, e tentar recuperar na partida”.
O FUTURO
A principal necesidade que manifesta o club é clara: un espazo digno e estable. “Levamos reclamando desde hai tempo un local específico. Un local grande, con varias aulas, un pequeno almacén... Faltan espazos. Nós necesitamos algo cedido directamente para a escola. Non pode ser que un día deas clase nun sitio e outro día noutro. Imos solucionando como poden todos os deportes, pero non é o ideal”.
De cara ao futuro, o obxectivo é claro: continuidade e crecemento. “Queremos seguir como ata agora. Aumentar matrícula, aumentar federados, facer máis actividades, ampliar a participación nos institutos...”. Xaquedrum é hoxe moito máis ca un club de xadrez. É un espazo aberto, interxeracional, educativo e comprometido. Un modelo que combina deporte, cultura, inclusión e voluntariado... sobre un taboleiro de 64 casas.