Pablo Figueiras presenta a candidatura do PP de Castroverde
O candidato á alcaldía de Castroverde, Pablo Figueiras Barrera, adiantou que, se a candidatura que lidera obtén o apoio necesario nas urnas para gobernar, municipalizará o servizo de Axuda no Fogar (SAF), co fin de mellorar a situación laboral da plantilla e diversificar a atención ás persoas dependentes do municipio.
“Trátase, dixo, de solucionar unha situación que, como todos sabemos en Castroverde, está xudicializada e á que o Concello non pode seguir permanecendo alleo, xa que afecta a moitas familias e a moitos postos de traballo”. O popular trasladou aos asistentes que esta “é unha decisión consensuada”, pois xa falou persoalmente con representantes das traballadoras, ás que lles comunicou que esta é unha das principais medidas do programa electoral co que os populares concorren ás eleccións do 28M e que estará complementada coa creación de vivendas sociais, un punto de atención á infancia e dun centro de día. Entre outros obxectivos tamén figura o acondicionamento do casco urbano, a rebaixa de impostos, a reforma do PXOM, a mellora do saneamento e dos accesos, impulsar as concentracións parcelarias e o sistema de permutas agrarias, ademais do polígono industrial coa creación dun viveiro de empresas, potenciar o Camiño Primitivo e a feira quincenal ou modernizar as instalacións deportivas existentes.
“ESTAR, ATENDER, XESTIONAR E RESOLVER”
Figueiras agradeceu o compromiso do equipo que o acompaña que está pensado, dixo, “para estar, atender, xestionar e resolver”. Para elo ofrecen “traballo, xa que é unha obriga pensar cada día como facer máis con menos e como mellorar o que fixemos o día anterior; respecto absoluto polos veciños; profesionalidade e seriedade para dar resposta ao que lles pidan os cidadáns aínda que a veces non nos guste o que nos digan e, en cuarto lugar, humildade”. “Somos unha candidatura representantiva do noso pobo, de aí que entre os integrantes haxa gandeiros, autónomos, hostaleiros… Homes e mulleres que saben o que necesita Castroverde para medrar, mellorar e progresar”, apuntou.
Segundo subliñou no acto de presentación e no que estiveron arroupados pola presidenta provincial -Elena Candia-, a responsable do Goberno galego -María Jesús Lorenzana- e o responsable de Política Lingüística do Executivo de Alfonso Rueda -Valentín García-, a candidaturas está deseñada para “cambiar o Concello de Castroverde que, nos últimos anos, se converteu máis nun clube de amigos que nunha institución pública”. E isto pasa, engadiu o alcaldable, por priorizar o gasto útil ou aproveitar as axudas que outras administracións conceden aos Concellos a diferenza do que está a facer o actual goberno local, que vén de rexeitar unha subvención de 27.000 euros da Xunta de Galicia para instalar puntos limpos móbiles e renunciar a outra de 250.000 euros para a reforma dun centro social. E, finalmente, concluíu, “por abrir o Concello aos veciños para que estes vexan a Casa Consitorial como a súa casa, é dicir, que cando entren cun problema, saian coa solución”.
“COMEZA O CAMBIO”
Pola súa banda, Elena Candia, referiuse aos integrantes como “persoas valentes cuxa única vontade é a de facer cousas polo seu pobo” e, sobre todo, que teñen “unha folla de ruta clara”. “Considero que hai partido e que o cambio en Castroverde comeza a ser unha realidade. Hai proxecto e hai equipo. As bases doutra forma de facer política xa están asentadas”, afirmou.
María Jesús Lorenzana e Valentín García aseguraron que o Partido Popular é o partido de “todos os galegos e galegas”, o “punto de encontro político” da inmensa maioría: “Somos o partido das mulleres e dos homes, das pequenas empresas, das medianas e tamén das grandes, o partido das persoas traballadoras, dos autónomos e autónomas, dos nosos maiores e tamén o dos mozos e das mozas”.
Ao seu xuízo, Pablo e o seu equipo son os mellores embaixadores que o PP pode ter en Castroverde e son tamén “a única opción posible” para facer deste un concello con futuro, un concello no que a xente poida vivir e traballar con dignidade e garantías, en igualdade de oportunidades, e será un feito que se fará realidade a partir do 28 de maio”.
CANDIDATURA AO COMPLETO
Pablo Figueiras presentou a todos os integrantes, destacando que con respecto á 2019, a candidatura conta con 6 novas caras dos 16 que a conforman, mesturando así renovación con experiencia.
- Pablo Figueiras Reguera.
- Ricardo Antonio Díaz Fernádez.
- José Manuel Rey Vázquez.
- Óscar Pérez Cascudo.
- Jesús Moreira Fernández.
- Manuel Veiga López.
- María Josefa Gómez Pallín.
- Jesús Fernández Besteiro.
- Manuel Rodríguez Varela.
- Manuel Ángel Neira López.
- María Jesús Díaz Novo.
Suplentes:
- César Marey Vivero.
- José Rielo Álvarez.
- Domingo Pereira Domínguez.
- José Muñiz Besteiro.
- Ovidio Figueiras Moinelo.