Pablo López, de Lugo, Campión de España Universitario de Xadrez en modalidade relampo

O Mestre FIDE Pablo López Varela, xogador do Club Escola Luguesa de Xadrez, proclamouse campión nacional na modalidade de relampo no Campionato de España Universitario de Xadrez.
Representando á Universidade a Distancia, López Varela completou unha actuación brillante ao longo das nove roldas disputadas, logrando un total de 7,5 puntos. A pesar de partir como noveno cabeza de serie no ranking inicial, conseguiu impoñerse nun torneo moi igualado, empatando a puntos con outros tres xogadores e acadando o primeiro posto grazas a un axustado sistema de desempate que o favoreceu por só un punto de diferenza.
A modalidade de xadrez relampo, coñecida pola súa rapidez e espectacularidade, esixe máxima concentración e reflexos, xa que cada xogador dispón de tan só 3 minutos por partida, cun incremento de 2 segundos por xogada.
Ademais da súa destacada actuación no relampo, Pablo López Varela tamén competiu na modalidade de xadrez rápido, onde sumou 6,5 puntos, rematando no posto 11, empatado co sétimo clasificado, o que confirma o seu excelente estado de forma.
O novo mestre galego milita no equipo da Escola Luguesa de Xadrez, que actualmente compite na División de Honra galega por equipos, categoría na que están a realizar unha gran tempada.