Pablo Losada apoia os orzamentos de Monterroso e garante achega para a residencia da terceira idade

O concelleiro non adscrito Pablo Losada vén de acadar un acordo co equipo de Goberno da Corporación Municipal de Monterroso para apoiar a proposta de Orzamentos do ano 2026, que o Grupo Municipal do PP someterá a Pleno o vindeiro xoves, día 4 de decembro.
Losada defende que, nunha Corporación fragmentada con cinco grupos políticos e dous concelleiros non adscritos, como membro da oposición ten a obriga de contribuír a mellorar Monterroso sen bloquear a labor do goberno, o que podería derivar nunha parálise do municipio.
“Co meu apoio, pretendo que Monterroso teña unha residencia da terceira idade, permitindo que os veciños poidan rematar a súa etapa vital nun entorno coñecido. Estou orgulloso de conseguir unha achega de 100.000 € para este fin, froito do diálogo e poñendo sempre Monterroso por diante de calquera ideoloxía ou interese particular. Ademais, o Orzamento contempla outras partidas que defendo, como a reforma da Cúpula, das vivendas comunitarias, a mellora do campo de fútbol e subvencións a asociacións culturais e deportivas. Se se aproban, recordarei con agarimo a miña humilde contribución a un Monterroso con máis e mellores servizos sociais”, sinala Losada.
Pola súa banda, o alcalde Eloy Pérez salienta que o acordo evidencia que, incluso nunha Corporación plural, é posible chegar a entendementos cando se actúa con responsabilidade e pensando no interese xeral. Agradeceu a disposición ao diálogo e colaboración de Losada, que permite avanzar nun proxecto de Orzamentos sólido e orientado a mellorar a calidade de vida dos veciños.
“Incorporar unha partida para a futura residencia da terceira idade é un paso importante para atender unha demanda social prioritaria e reflicte un compromiso compartido con Monterroso. Tamén coincidimos na necesidade de impulsar a reforma da Cúpula, das vivendas comunitarias, a mellora do campo de fútbol e o apoio ao tecido asociativo. Estes investimentos reforzan o obxectivo común de construír un Monterroso máis dinámico, inclusivo e con máis servizos públicos de calidade. Confío en que este espírito de colaboración continúe ao longo do mandato, porque só sumando esforzos poderemos avanzar como municipio e responder ás necesidades reais da cidadanía”, conclúe Pérez.