Pablo Méndez, adestrador do CN Portamiñá: “Somos coma unha familia; todos os nosos nadadores son e séntense de aquí”

LugoXa
Falamos con Pablo Méndez Ferreiro, adestrador principal do equipo absoluto do Club Portamiñá e recoñecido como mellor técnico de natación pola Federación Galega de Natación
Pablo-Méndez-CN-Portamiñá
15 Oct 2025

Jessica Fernández

O Club de Natación Portamiñá de Lugo formouse no ano 2008 e Pablo Méndez comezou como adestrador na tempada 2012-2013, é dicir, hai xa 13 tempadas, que valora con aprecio: “Creo que foi unha evolución moi positiva porque melloramos moito en espazo, en número de nadadores e en material. Cando empecei, o ximnasio, que ao final é o corredor de paso, non existía, e fómonos montando porque nolo permitiron. Así que fomos dando pasos ano a ano para seguir medrando. Non se deixaron de dar pasos cara adiante en canto a aumento de deportistas, resultados e obxectivos, porque nunca houbo un parón, sempre fomos cara diante e ese é o obxectivo, seguir. Pero mellorando pouquiño a pouquiño, partido a partido. Gústame moitísimo esa filosofía. Como digo sempre: tentar aproveitar ao máximo esta tempada, sacarlle rendemento ao que temos hoxe e o ano que vén será outra batalla diferente”, defende con orgullo.

O Portamiñá conta actualmente con 200 licenzas de nadadores e nadadoras que ocupan diferentes categorías: máster, que é como os veteranos, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, júnior e absoluto. Ademais, contan cunha escola, onde os sábados pola mañá os nenos aprenden a nadar. Segundo explica Pablo, “os máster son aqueles que deixaron de competir, pero seguen enganchados ao deporte popular, mentres que o absoluto é o equipo principal, ao que todos os nadadores da canteira queren chegar”.

Así, pon en valor a canteira: “Nós somos un club de canteira. Podería dicir que o 99,5 % dos nadadores que temos son de aquí desde pequenos, e os rapaces que chegan ao equipo absoluto son nadadores que desde o principio estiveron no Portamiñá. Funcionamos realmente coma unha familia, dámoslle moita importancia a defender as cores, ao noso equipo, e é por iso: porque todos os nosos nadadores son de aquí e séntense de aquí. Todos se apoian; os maiores medraron cos pequenos, os que eran pequenos medraron cos que agora son máis maiores… entón fórmase un vínculo moi grande en todo o club”, defende.

Con respecto ao equipo técnico, Pablo destaca a Roberto, que está cos pequenos, os Promesas; Carlota, que está cos Benxamíns e Alevíns; Iván, que adestra os Alevíns e Infantis; e despois nestes últimos anos incorporáronse Marcos e Pablo, que tamén botan unha man coas categorías máis inferiores. “Tamén me gustaría lembrar a Andrea e a Toño, que tiveron unha gran importancia no que somos agora como equipo.”

Méndez sostén que deste equipo é realmente o recoñecemento que alaba a súa traxectoria. Pablo Méndez foi elixido como Mellor Persoa Técnica Galega pola Federación Galega de Natación, polo que está “moi agradecido con ese título”, pero para el “é de todo o equipo técnico, xa que nós seguimos o mesmo camiño; todos temos a mesma visión. É un título que me recoñecen a min persoalmente, pero eu compartiríao con eles, porque creo que o que somos como club, desde a base ata os absolutos, todos temos unha parte moi importante, polo que para min é un título compartido con todos e cada un dos adestradores que están aquí”, asegura con orgullo.

Compromiso e dedicación

Con respecto ao que produce a natación en quen a practica, o adestrador sostén que “todos os pais queren que os seus fillos aprendan a nadar, entón, canto antes collan o gusto pola natación, mellor. Non como xogo, senón como técnica. Así, pouco a pouco vasche enganchando. Desde pequenos, intentamos que os nenos compitan un pouquiño, porque iso tamén lles atrae para seguir e, cando deciden que queren continuar e van avanzando, vólvese un pouco máis duro. Non imos enganar a ninguén. A natación require dun compromiso, porque cando es Promesa, adestras 2 ou 3 días; pero cando es Benxamín, adestras 3 ou 4; cando es Alevín, 5; cando es Infantil, 5 ou 6 días; e cando es Absoluto, eu teño rapaces que fan 8 ou 9 sesións á semana, que veñen dúas veces ao día, polo que che esixe unha dedicación. O meu traballo, no meu caso, é adestrar neste club e estou moi agradecido porque non se pode dicir en moitos deportes, pero si que se pode vivir da natación, polo que require tamén unha dedicación total.”

Porén, lembra que “non obrigamos a ninguén. Nós falamos con cada rapaz e rapaza, cos que temos moita confianza, porque pasan moito tempo con nós; e preguntámoslles que expectativas teñen, que queren chegar a ser. E en base ao que queren conseguir, como chegar a un campionato de España ou gañar unha medalla, esixímoslles. Se hai outra persoa que vén menos ou busca divertirse ou facer deporte, a esa persoa esíxeselle iso. Entón tentamos buscar a atención á diversidade, que cada quen elixa ata onde quere chegar ou canto se quere implicar”, explica. Agora mesmo, comenta, hai tres rapazas bolseiras no Centro Galego de Alto Rendemento, cunha bolsa deportiva, que está ao mesmo nivel que a escolar, para poder dedicarse á natación, “entre comiñas, para poder realizar iso que lles gusta ao 100 %”.

Pablo valora que, a pesar do esforzo e da dedicación, “a natación é un deporte que che engancha de verdade e por iso queres estar. O día a día é duro porque adestras, pero realmente queres estar, porque o que che dá o deporte, ao final do camiño, satisfai moito, entón engancha moito. Ademais, que fas en Lugo en novembro ás 8 da tarde, que chove e non hai lecer? Pois vés adestrar, fas deporte, estás cos amigos e divírteste”, pon en valor.

O futuro

Con respecto ao futuro, Pablo Méndez sostén que o obxectivo principal é “seguir medrando, seguir tendo deportistas, seguir formando adestradores, seguir participando en campionatos, seguir avanzando un pouco máis, intentando aproveitar todas as condicións que temos, as instalacións, etc. É dicir, a nosa expectativa é seguir medrando, que os nosos adestradores sigan formándose, que os nosos nadadores sigan competindo, que sobre todo os maiores queiran seguir nadando no equipo absoluto, porque creo que son referentes para os máis pequenos, temos un equipo bastante bo.” Ademais, destaca a visión igualitaria do club deportivo, xa que “somos dos poucos deportes que comparten adestramento e competición, así como compartimos espazo entre rapaces e rapazas.”

Porén, sostén que “sempre queremos un pouquiño máis, porque para medrar todo o mundo quere un pouco máis” e defende que, na súa traxectoria como adestrador de natación, tivo a oportunidade de viaxar a moitas piscinas de España e “gustaríame copiar o modelo catalán, que centraliza todo nun mesmo espazo; e iso é o que me gustaría en Lugo.” Para Pablo, unha das necesidades que teñen desde o Club Portamiñá, que adestra na piscina municipal de Frigsa, de titularidade municipal, é a necesidade de máis rúas de natación porque aumenta o número de deportistas. “Agradecemos enormemente a cesión das instalacións ao Concello de Lugo, pero aquí, ademais do Club Portamiñá, adestra o equipo de Waterpolo e en As Pedreiras adestra o equipo de Tríatlon, polo que as instalacións de piscina quédansenos pequenas. O adecuado sería unha ampliación ou a posibilidade de reformar as piscinas de Frigsa de fóra, que só abren durante os meses de verán, para poder utilizalas o resto do ano para os adestramentos, pero somos conscientes de que é complicado polo tema económico”, recoñece.

Finalmente, Pablo Méndez apunta que outro dos obxectivos de cara ao futuro, de ser posible, sería volver poñer en marcha o equipo de natación artística, que se disolveu pola incapacidade de xestionar adestramentos por falta de adestradoras. “Non quixemos abandonar este deporte, polo que temos unha escola de natación artística un par de días á semana coa adestradora Elena, que acaba de cumprir os 18 anos, pero iremos vendo como evoluciona, pasiño a pasiño, como van indo as deportistas e que dispoñibilidade ten Elena para facerse cargo delas”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.080195903778076