Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei: "O desenvolvemento do parque empresarial é fundamental para o municipio"

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, mantivo unha reunión coas autoridades do Goberno Central, entre elas a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o xefe de Demarcacións de Carreteras en Galicia, Ángel del Río, na que se abordaron diversas demandas importantes para o desenvolvemento do municipio.
Un dos temas principais tratados na xuntanza foi a necesidade de licitar a concesión para a construcción e xestión de dúas áreas de servizo na A-54, á altura de Palas de Rei.
O alcalde destacou que varias empresas están interesadas en establecer gasolineiras no municipio debido ao incremento das actividades empresariais nos últimos anos e ás previsións de que se abrirán máis empresas no futuro. "Consideran que a ubicación destas áreas na A-54, fóra do casco urbano, é idónea para este tipo de servizos", explicou Pablo Taboada.
Ademais, os responsables do Goberno central informaron ao alcalde que teñen previsto repoñer as vías afectadas polas obras na A-54 durante este verán, e tamén se comprometeron a solucionar os problemas coa traída de auga en localidades como Remonde e Vilar de Remonde.
Taboada tamén aproveitou a reunión para solicitar melloras na travesía municipal, que presenta deficiencias no firme, e reclamou a execución do plan de instalación de fibra óptica, posto que aínda existen zonas do municipio sen cobertura.
Alto interese por ocupar as parcelas no Parque Empresarial
No eido económico, o alcalde tamén informou sobre o avance da ampliación da terceira fase do polígono empresarial de Palas de Rei. O 29 de abril, convocarase aos propietarios dos terreos para o pago e levantamento das actas previas, un paso necesario para que Xestur licite o proxecto definitivo. A ampliación do parque empresarial está sendo moi seguida por parte das empresas, xa que, segundo explicou o rexedor, "xa hai lista de espera para ocupar todas as parcelas da nova zona empresarial".
A ampliación do parque empresarial contará con 14 parcelas destinadas a usos industriais, e entre elas, catro serán reservadas para a futura estación de ITV que dará servizo aos concellos do Centro de Galicia. "O desenvolvemento do parque empresarial é fundamental para o municipio", sinalou Pablo Taboada.
Con todas estas iniciativas, o municipio continúa avanzando na súa transformación e no fomento do seu crecemento económico, consolidándose como un referente no ámbito empresarial e na mellora das infraestruturas.