Pagan 2.850 euros por unha xata na poxa de Acruga en Cervantes

LugoXa | SarriaXa
A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, celebrou unha nova poxa de tres xatas preñadas en Cervantes, como parte do programa de actos da cuarta edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, na que logrou adxudicar os animais cun prezo medio de 2.
acruga_cervantes
12 Maio 2024

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, celebrou unha nova poxa de tres xatas preñadas en Cervantes, como parte do programa de actos da cuarta edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, na que logrou adxudicar os animais cun prezo medio de 2.516 euros. A primeira foi a que obtivo a maior cotización da poxa, xa que se adxudicou en 2.850 euros, un dos prezos máis elevados no que vai de tempada.

Do mesmo xeito que o resto, trátase dun exemplar do centro de recría da Granja Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, de 28 meses de idade e preñada de outubro do pasado ano, con xenealoxía de Gayoso AG, un dos sementais máis destacados do catálogo de Acruga. Adquiriuna unha gandeira de Cervantes, que tamén levou a segunda poxa da mañá, por un prezo de 2.400 euros. O terceiro exemplar adquiriuno un criador de Navia de Suarna, por un prezo de 2.300 euros. En total houbo 14 tarxetas, de gandeiros e gandeiras de dez municipios lucenses.

A actividade de Acruga continuará case sen descanso xa que este domingo, a partir das 12.00 horas, o mercado gandeiro de Sarria acollerá unha nova poxa doutras tres xatas de 25 e 26 meses, tamén preñadas de 5 e 6 meses. As tarxetas para poxar por algún destes animais poderanse retirar desde unha hora antes no propio mercado gandeiro. Ademais, os mellores exemplares de Raza Rubia Galega estarán presentes na exposición de gando de calidade, que congregará en Sarria a uns 40 animais procedentes de diferentes gandarías e criadores de Acruga.

0.19774103164673