Pais e nais de Baralla mobilízanse pola xornada única no colexio

LugoXa
Consideran "pésimo" o actual horario do CPI Luís Díaz Moreno e barallan mobilizarse cando menos unha vez á semana
protesta pais colexio Baralla
23 Xan 2021

Pais e nais dos escolares de Baralla retomaron este venres as mobilizacións para pedir á Consellería de Educación que recapacite e implante a xornada única no CPI Luís Díaz Moreno.

A demanda de cambio de horario vén de anos atrás e retomouse en setembro de 2019 pero a voceira dos pais e nais, Carmen García Villamil, asegura que agora se atopan nunha situación "de silencio administrativo e de paralización do recurso que presentamos, pese a que a opción ofertada pola consellería non é viable para o noso medio rural".

Os familiares dos escolares de Baralla definen como "pésimo" o actual horario escolar. "Coa actual estrutura horaria non se optimiza o rendemento dos alumnos e sobrecárganse de horas non lectivas baleiras de contidos. están moito tempo no colexio e algúns chegan de noite ás casas. Non poden facer actividades extraescolares e os pais teñen máis difícil a conciliación", explica Carmen García.

A Xunta mantén que non se poden modificar os horarios por contratos e licitacións coas empresas de transporte. Durante as negociacións, os pais plantexaron a posibilidade de realizar unha xornada de 9.00 a 15.30 horas. Dende o Goberno autonómico propoñían un horario de 8.30 a 14.00 horas , "pero non aceptamos porque teríamos nenos obrigados a levantarse ás 7.30 ou antes para coller o autobús", di a voceira dos familiares.

Os pais e nais do CPI Díaz Moreno aseguran que "non deixaremos de loitar por desbotar os intereses do transporte". A súa intención é mobilizarse polo menos unha vez á semana.

0.18712377548218