Paisactivo presentou un manual de boas prácticas para xestionar o espazo rural

LugoXa
A obra conta cunha serie de experiencias internacionais a través das que analizar estratexias e accións orientadas a revitalizar os territorios rurais
Paisactivo-presenta-un-manual-de-boas-prácticas-espazo-rural-USC
7 Nov 2024

Paisactivo presenta un manual de boas prácticas e casos de éxito para unha xestión dinámica do espazo rural baixo o nome de 'Manual de boas prácticas e casos de éxito na xestión activa do espazo rural'.

A obra conta cunha serie de experiencias internacionais a través das que analizar estratexias e accións orientadas a revitalizar os territorios rurais. Concretamente, recompila unha vintena de boas prácticas na xestión activa do espazo rural, en particular das aldeas e da súa contorna.

A obra acompáñase tamén cunha serie de casos de éxito españois, portugueses e internacionais a través dos que analizar estas estratexias e accións orientadas a revitalizar o espazo rural, fomentar o seu desenvolvemento socioeconómico e mellorar a calidade de vida das persoas que habitan estes territorios rurais.

O libro presentouse no Campus de Lugo da USC e é froito do consorcio do proxecto transfronteirizo ‘Paisactivo–Paisaxes cortalumes’. Esta primeira publicación, dentro deste proxecto Interreg POCTEP, materializa o traballo realizado polo consorcio no seu primeiro ano de actividade.

Entre as boas prácticas recollidas, atópase a necesidade da clarificación da propiedade, a xestión de terras de propiedade descoñecida, a educación da cidadanía para a protección do lume, ou a importancia dos servizos de asesoramento.

Algunhas xa foron aplicadas en varios casos de éxito que se recollen no Manual, e entre os que están sete aldeas de Galicia: Bustelo de Fisteus, Francos de Proendos e Moreda (Lugo); Carzoá, Meixide, Osmo, Pedrosa e o polígono agroforestal de Oímbra (Ourense). En Portugal, o foco ponse nos proxectos de Freixel, Marcelín, Mosteirão, Parada de Monteiros, São Simão de Gouveia, Senradelas, Talhada, Vilarinho das Quartas, e Quintandona.

Outros casos de éxito están dedicados a Kuartango en Araba (Euskadi) e Ostana (rexión do Piamonte, Italia), que o consorcio de Paisactivo puido coñecer persoalmente durante visitas de estudo. Tanto as experiencias positivas como mesmo algúns fracasos analizados en perspectiva de aprendizaxe, poden replicarse noutros territorios, sinalan os autores.

Temas a debate durante a presentación

O evento do Campus Terra foi tamén unha oportunidade para debater e destacar a necesidade da ordenación rural para conseguir un territorio máis resiliente fronte aos incendios, que é o obxectivo de Paisactivo.

En paralelo á presentación do informe, contouse coa intervención de especialistas de Galicia e Portugal como os catedráticos David Miranda, do departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, e José Alberto Rio, da Facultade de Letras da Universidade do Porto.

Este último impartiu o relatorio ‘Aldeas con futuro’ centrado no papel destes núcleos de poboación como instrumento de apoio ás decisións políticas en aldeas de montaña.

Pola súa banda, Jorge Blanco, subdirector de Promoción Internacional da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, recordou que o fin de Paisactivo – Paisaxes cortalumes “é aumentar a resiliencia do territorio fronte ao risco de incendios, valorizando e mellorando a xestión sostible das terras agroforestais, mentres se protexen e dinamizan os asentamentos rurais e se promove a súa sostibilidade”.

O proxecto desenvolverá dúas iniciativas piloto, unha no sur de Galicia e outra no norte de Portugal. En concreto, na aldea ourensá de Infesta (Monterrei) e na portuguesa de Almofrela (Baião) nas que se levarán a cabo diversas actuacións de xestión sostible agroforestal mediante a dinamización das comunidades locais, apoiándose en instrumentos lexislativos existentes como a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia e o Plan de Transformação da Paisagem luso.

0.19778180122375