Paisaxe da USC xa deixa pegada no territorio

LugoXa
As intervencións desenvolvidas por alumnado matriculado no grao de Paisaxe na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC e na UDC transforman espazos degradados e achegan ideas para renaturalizar a ría de Pontevedra, embellecer os xardíns de Allariz, conectar o castro de Elviña coa cidade ou revitalizar a Valgada do Campus de Lugo.
paisaxe usc1
26 Aug 2023

As intervencións desenvolvidas por alumnado matriculado no grao de Paisaxe na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC e na UDC transforman espazos degradados e achegan ideas para renaturalizar a ría de Pontevedra, embellecer os xardíns de Allariz, conectar o castro de Elviña coa cidade ou revitalizar a Valgada do Campus de Lugo.

O alumnado do grao en Paisaxe, unha titulación universitaria impartida conxuntamente na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC e na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC xa está a deixar as súas primeiras pegadas no territorio galego, ben a través do desenvolvemento de diversos proxectos co n titoría académica, ben mediante achedas individuais e creativas de persoas cunha sólida formación interdisciplinar que lles permite conxugar de xeito harmónico intereses, a priori, dispares, cando non encontrados.

As intervencións, cando menos en fase de propostas, desenvolvidas en distintas contornas de Galicia por alumnado matriculado no grao de Paisaxe son aínda escasas en número e pouco visibles, pero non por eso carecen de interese. Cómpre lembrar neste senso no proxecto de Aprendizaxe e Servizo (ApS) ‘Lourizán. Renaturalización da Ría de Pontevedra no ámbito actualmente ocupado por Celulosas’, un programa desenvolvido por alumnado e profesorado do grao en de Paisaxe xunto coa Asociación Pola Defensa da Ría e o Concello de Pontevedra no que se propón a creación dunha franxa litoral verde nos terreos de Lourizán ocupados desde hai máis de seis décadas pola actividade industrial para a produción de celulosa.

As suxestións achegadas polo alumnado de Paisaxe implicados neste ApS son tan amplas como diversas e contemplan desde a creación dun sistema de praias e dunas na franxa marítima que conecta Pontevedra e Marín, ata o soterramento das vías do tren que chegan ao porto de Marín, o que permitiría recuperar o barrio dos Praceres, a humanización da autovía cara a Marín ou mesmo a creación de marismas na desembocadura do regato dos Praceres e na confluencia dos cauces de O Rozo e Pazo de Lourizán.

As suxestións contemplan a creación dun sistema de praias e dunas na franxa marítima entre Pontevedra e Marín, ou o soterramento das vías do tren que chegan ao porto de Marín

Ideas diferentes ás planteadas para avanzar na rexeneración paisaxística da contorna da Ría de Pontevedra foron as presentadas polo alumnado do grao en Paisaxe para revitalizar e recuperar para a veciñanza os terreos da Valgada do Campus de Lugo a través duns roteiros peonís seguros e a supresión de infraestruturas en desuso, como pode ser o actual anfiteatro.

A esta actuación, xa en marcha, súmanse outras orientadas á rexeneración da coruñesa Ría do Burgo e mesmo diferentes ideas para avanzar na conexión entre o castro de Elviña e a trama urbana da cidade herculina, ou o deseño dun dos 11 xardíns presentados ao Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA), un certame ao que os estudantes de último curso do grao en Paisaxe Lara Caamaño Fernández, Óscar Marqués Sánchez e Paula Fusté Hernández concorreron coa proposta ‘O mundo a través do xardín’.

Paisaxismo, un título de presente e moito futuro

O grao en Paisaxe é unha titulación pouco coñecida ou incluso descoñecida, subliña a coordinadora deste título singular que botou a andar no Sistema Universitario Galego (SUG) no curso 2018-19. A arquitecta e profesora Cristina García Fontán apoia esta consideración na necesidade crecente de incorporar a figura do paisaxista a outros equipos interdisciplinares e no propósito xa anunciado pola Administración de incluír a figura de paisaxista nos cadros de persoal nos distintos niveis das administracións.

“Esta cuestión, que foi un dos temas abordados no marco dos equipos de traballo que están a perfilar a reformulación do título de grao, reforza as oportunidades de inserción laboral dos titulados en Paisaxe, que se antollan como profesionais imprescindibles para avanzar na loita contra o cambio climático, ou para a aplicación da lei paisaxe eólica, e mesmo para a ordenación do territorio a aprobación e remodelacións dos PXOMs”, explica García Fontán.

A coordinadora do grao interuniversitario en Paisaxe que imparten USC e UDC destacou asemade a sólida formación adquirida neste título, no que se conxugan materias e disciplinas diversas, cuxa temática abrangue desde a bioloxía, economía, expresión gráficca, xeografía, matemáticas, estatística, proxectos, urbanismo, xeomática e topografía, arquitectura, medio ambiente, botánica, edafoloxía, tratamento vexetal, arte, historia... Ademais, engadiu García Fontán, “Paisaxe ten agora mesmo pleno emprego”.

As catro persoas da primeira promoción egresadas o curso pasado están xa exercendo actividade profesional. Un dos titulados xa se quedou na empresa que está a traballar na Ría do Burgo, mentres que outro acaba de incorporarse aos servizos municipais de Madrid para traballar na optimización dos sistemas de drenaxe de xardíns. Unha das rapazas egresadas está integrada nun gabinete de arquitectura e a outra realiza a súa actividade profesional como autónoma, en colaboración con outros profesionais, indicou a coordinadora do grao en Paisaxe, quen confía en que as 10 persoas que completarán este curso o título teñan tamén acceso a múltiples oportunidades de inserción laboral.

A formación conxuga materias e disciplinas como bioloxía, economía, expresión gráfica, xeografía, matemáticas, estatística, proxectos, urbanismo, xeomática e topografía, arquitectura, medio ambiente, botánica, edafoloxía, tratamento vexetal, arte, historia…

paisaxe usc4
paisaxe usc 2
paisaxe usc 3

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.2182309627533