Palas de Rei acolle actividades de Acougo, que renova o convenio coa Xunta

LugoXa
O programa inclúe actividades como o campamento de verán Agarimos en Palas de Rei, cunha achega total de 174.000 euros en 2025
Acougo-Palas-de-Rei
2 Sep 2025

A Xunta de Galicia renovou por terceiro ano consecutivo o convenio de colaboración coa Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo) para impulsar actividades dirixidas a nenas e nenos do sistema de protección, así como ás súas familias de acollida e de orixe.

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitou unha das iniciativas deste programa, o campamento de verán Agarimos, que se celebra en Palas de Rei. As instalacións xuvenís Os Chacotes acollen estes días a un grupo de nenas e nenos de entre 8 e 12 anos, participando en actividades de lecer e aprendizaxe.

A colaboración da Xunta con Acougo en materia de corresponsabilidade alcanza este ano 2025 os 174.000 euros, dos que 134.000 euros se achegan mediante o convenio de colaboración e os 40.000 restantes a través da liña de axudas a entidades de iniciativa social do Plan Corresponsables, cofinanciado entre a Xunta e o Goberno de España a través do Ministerio de Igualdade.

⚙ Configurar cookies
0.15421104431152