Palas de Rei acolle o torneo de tute de Merlán e as festas da Pascua de Moredo

O Concello de Palas de Rei continúa a reforzar o seu apoio ás actividades organizadas nas parroquias do municipio coa súa colaboración en dúas citas destacadas que terán lugar esta fin de semana en Merlán e Moredo.
Por unha banda, o venres 3 de abril celebrarase o tradicional Torneo de Tute no campo da festa de Merlán, a partir das 16:00 horas, unha proposta que reúne a veciñanza arredor dun dos xogos de cartas máis populares.
Por outra, a parroquia de Moredo acollerá as súas Festas da Pascua durante o sábado 4 e o domingo 5 de abril cun programa que combina música e tradición. A xornada do sábado arrancará ás 13:30 horas cunha sesión vermú amenizada polo grupo JB Son, seguida ás 18:30 horas de xogos populares no campo da festa. Pola noite, a partir das 23:00 horas, terá lugar a verbena coa actuación das formacións Manhattan e JB Son.
Xa o domingo 5 de abril, a programación continuará cunha misa solemne ás 12:45 horas e, a continuación, unha nova sesión vermú a cargo do grupo Reflejos.
Co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento das actividades, o campo da festa contará cunha carpa que permitirá a celebración dos actos independentemente das condicións meteorolóxicas.