Palas de Rei acolle o XVII Festival Galego de Teatro Escolar este sábado

LugoXa
O festival contará coa participación de máis de cen actores e actrices pertencentes a tres Aulas de Teatro procedentes de Palas de Rei, Touro e Teo
Concello-de-Palas-de-Rei-teatro
27 Mar 2025

O XVII Festival Galego de Teatro Escolar do Concello de Palas de Rei celebrarase o sábado 29 de marzo na aldea de San Xiao do Camiño e na Casa de Cultura de Palas de Rei.

O festival contará coa participación de máis de cen actores e actrices pertencentes a tres Aulas de Teatro procedentes de Palas de Rei, Touro e Teo.

O evento conta coa organización do Concello de Palas de Rei, o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, a Asociación Cultural Palacio do Rei, a Asociación Cultural A Capela, a Asociación Cultural Os Lobos, a Coral Polifónica de Palas de Rei, Metátese Teatro e Alentía Teatro.

Un programa cheo de cultura e valores

O programa do Festival iniciarase ás 16.00 horas cun roteiro teatral, musical e poético na aldea de San Xiao do Camiño. Esta actividade, protagonizada por alumnado, familias e profesorado do Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, contará coa participación da Asociación Cultural Palacio do Rei, da Coral Polifónica de Palas, de Metátese Teatro e de Alentía Teatro. O percorrido combinará música, teatro, poesía e xogos, co obxectivo de achegar diferentes xéneros teatrais á cidadanía, fomentar a interrelación entre xeracións e pórlle en valor o mundo rural.

A segunda parte do programa levarase a cabo ás 19.00 horas na Casa de Cultura de Palas de Rei, onde o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, a Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Touro e a Aula de Teatro do IES de Cacheiras representarán o espectáculo Historias Enguedelladas. Esta obra, baseada en historias tradicionais teatralizadas, promove valores fundamentais como a defensa da biodiversidade, o respecto polo medio ambiente, a cultura da paz, a tolerancia e a inclusión de persoas con capacidades diversas.

Unha experiencia educativa e integradora

O XVII Festival Galego de Teatro Escolar permite que os participantes das tres aulas de teatro poidan interactuar, compartir experiencias e mostrar o traballo realizado ao longo do curso 2024/25. Ademais, o evento forma parte dunha xira de funcións que comezou o 6 de febreiro no Teatro Principal de Ourense, seguiu o 15 de marzo no XVI Festival Galego de Teatro Escolar de Touro, e continuará en Teo, Corella (Navarra), Menorca (Baleares) e Muros.

O teatro, ademais de ser unha manifestación artística, convértese nesta ocasión nunha ferramenta lúdica e educativa que permite reflexionar sobre a educación recibida a través dos contos populares. Os organizadores convidan a toda a cidadanía a participar e a deixarse levar pola maxia desta arte escénica.

⚙ Configurar cookies
0.1179461479187