Palas de Rei acolle unha nova reunión da Mesa de Coordinación contra a Violencia de Xénero

O Salón de Plenos do Concello de Palas de Rei acolleu a reunión semestral da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, un espazo clave para o traballo conxunto na loita contra esta lacra social.
Na sesión participaron representantes dos Servizos Sociais do Concello, do Centro de Información á Muller (CIM), do CEIP de Palas, do IES do Camiño, do Punto de Atención Continuada (PAC) de Palas de Rei, da Garda Civil e do equipo Viogen da Compañía de Lugo.
Esta mesa de carácter técnico ten como obxectivo principal crear un foro para o intercambio de experiencias profesionais e a análise de casos, ao tempo que promove a coordinación entre institucións e a formulación de estratexias conxuntas e eficaces para a prevención e erradicación da violencia de xénero.
Ademais, entre os propósitos destacados está o de impulsar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a través da cooperación e do compromiso dos distintos axentes sociais implicados no territorio.