Palas de Rei aproba un orzamento histórico de 7 millóns de euros para 2026

O Concello de Palas de Rei deu luz verde a un dos orzamentos máis elevados da súa historia para o exercicio 2026, cunha contía total de 7 millóns de euros tanto no apartado de ingresos como no de gastos. As contas municipais manteñen o nivel de atención asistencial e dos servizos sociais, ao tempo que reservan unha partida destacada para investimentos en distintas actuacións no municipio.
Entre as principais intervencións previstas figuran a ampliación e mellora do paseo do río Roxán, a reforma e ampliación das instalacións da Escola Infantil e a ampliación do Centro de Día. Ademais, dentro do capítulo de investimentos inclúese unha dotación superior ao millón de euros destinada á rexeneración e mellora da rede de camiños rurais.
O alcalde, Pablo Taboada, definiu estas contas como uns orzamentos “moi sociais” e adaptados á realidade de Palas de Rei, facendo fincapé na importancia do gasto destinado ao conxunto dos servizos sociais. Neste sentido, destacou o mantemento de prestacións como o Servizo de Axuda no Fogar, compatibilizándoo coa execución de proxectos de mellora de infraestruturas, entre os que mencionou o paseo do Roxán, a Escola Infantil e o Centro de Día, así como a intervención nos preto de 450 quilómetros de camiños que conforman a rede municipal.
As contas foron aprobadas co respaldo dos oito concelleiros do grupo popular, mentres que as dúas edís do grupo socialista optaron pola abstención durante a votación.