Palas de Rei, de interese para a inversión polo seu potencial turístico e agroalimentario
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e o Concello de Palas de Rei recibiron a representantes dun grupo de inversores con interese na posta en marcha de novos proxectos empresariais na zona.
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e o Concello de Palas de Rei, organizaron un encontro con representantes dun grupo de investidores interesados na posta en marcha de proxectos empresariais nos ámbitos do sector turístico e agroalimentario.
Coa mirada posta máis especificamente no Camiño de Santiago e Ribeira Sacra, tanto polo seu potencial turístico como agroalimentario, e dirixidos a un segmento de público de alto nivel adquisitivo (interesado en turismo de luxo e produtos gourmet), achegáronse a Palas de Rei conscientes do seu potencial nestas áreas.
Os posibles investidores buscan implantarse en zonas que, como esta, ofrezan oportunidades de slow travel e slow food, atraendo a un público internacional de alto nivel adquisitivo (de Alemaña, Reino Unido ou USA) que contribúa a desestacionalizar o sector e a dar vida a comunidades máis aló de épocas de tempada alta.
Entre os negocios que xa pilotan os posibles investidores atópase o hotel de cinco estrelas Torre do Marqués, en Teruel, ou a axencia de viaxes de luxo Bon Tour, con sedes en Madrid e Barcelona.
O grupo, que tivo como anfitrión ao alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, e ao conselleiro delegado e ao secretario da CEL, Eduardo Valín e Jaime López respectivamente, visitou diferentes establecementos turísticos e empresas da zona así como un dos seus principais reclamos turísticos, o Castelo de Pambre.
Dende a CEL destacan que lograr que novos proxectos empresariais deste tipo de sitúen no interior da provincia de Lugo, supón un valor engadido para “loitar contra a España baleirada” e ofrecer alternativas de traballo e futuro á poboación local.