Palas de Rei e a Deputación de Lugo impulsan a mellora integral da rúa Agro do Rolo

LugoXa
A Deputación de Lugo achegará 95.000 euros e a Xunta de Galicia asumirá 80.000 euros
rúa-Agro-do-Rolo-Palas-de-Rei
20 May 2025

A Deputación de Lugo e o Concello de Palas de Rei veñen de anunciar un importante proxecto de mellora para o tramo urbano da estrada LU-P-2901, máis coñecida como rúa Agro do Rolo, situada no corazón da vila.

Ambas institucións formalizarán nos próximos días un convenio de colaboración que permitirá acometer o acondicionamento integral desta vía, respondendo así a unha antiga demanda veciñal.

O proxecto desenvolverase en dúas fases. A primeira delas contará cun investimento de 95.000 euros, achegados na súa totalidade pola Deputación de Lugo. Esta etapa centrarase na recuperación do firme da calzada, así como na mellora da drenaxe, do afirmado e da sinalización.

Nun segundo momento, realizarase a renovación das beirarrúas e dos servizos afectados, cun orzamento adicional de 80.000 euros que serán asumidos pola Xunta de Galicia.

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, amosou a súa satisfacción polo avance deste proxecto, que permitirá dar solución a unha vella necesidade do municipio. “Agardamos que con estas actuacións se dea resposta a unha vella demanda para o arranxo da LU-P-2901 no seu tramo urbano, en pleno corazón da vila”, destacou o rexedor.

O prazo de execución conxunto das dúas fases será dun ano a partir da sinatura do convenio, co obxectivo de que as obras estean completamente rematadas antes de finalizar o ano 2026.

⚙ Configurar cookies
0.1627140045166