Palas de Rei é o pobo máis fermoso de Galicia segundo a app España Turismo
Palas de Rei é o pobo máis fermoso de Galicia segundo a app España Turismo, que acaba de facer un concurso no que, tras unha primeira selección de todos os pobos de Galicia, resultaron 27 finalistas, dos cales 9 pertencían a provincia lucense, entre eles Palas de Rei.
Finalmente, os votos dos usuarios desta aplicación decantáronse por Palas de Rei, destacando a historia deste municipio estreitamente entrelazada á cultura castrexa coa influencia do Camiño de Santiago, e o estilo románico que penetrou na arquitectura relixiosa, deixando exemplos como a Igrexa de Vilar de Donas.
Destacando tamén o Castelo de Pambre, construído a finais do século XIV, sendo unha das poucas fortalezas feudais galegas que se salvou das revoltas Irmandiñas.
Palas de Rei acadou o primeiro posto nas votacións, con 7.015 votos, seguido de Froxán (en Folgoso do Caurel) con 5.167 votos; e seguido de Cambados, con 1.290 votos.
O alcalde palense, Pablo Taboada, agradece a “tódalas persoas que respaldaron a candidatura de Palas de Rei e aos concellos limítrofes, que participaron activamente axudando a Palas de Rei neste importante logro e moi especialmente a todos aqueles palenses que sen estar residindo no municipio apoiaron dunha maneira firme o noso pobo”.
O agradecemento, tamén, “aos nosos veciños e a tódolos que confiaron en Palas de Rei para acadar a distinción do pobo máis fermoso de Galicia”.
A súa vez, fai extensible os "parabéns aos pobos participantes no concurso, todos eles espectaculares que sin lugar a dúbidas axudan a poñer a Galicia como un dos destinos favoritos para os visitantes”.