Palas de Rei e Portomarín asinan un convenio coa Xunta para adquirir un novo camión de recollida

LugoXa
O vehículo prestará servizo a ambos concellos e reforzará os servizos extraordinarios, permitindo controlar os custos municipais de xestión do lixo
Portomarín-e-Palas-de-Rei-convenio-Xunta
17 Oct 2025

Os Concellos de Palas de Rei e de Portomarín asinaron un convenio coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, para a adquisición dun novo camión colector de residuos sólidos urbanos (RSU) que prestará servizo a ambos municipios e servirá de reforzo para os servizos extraordinarios.

A inversión total estimada rolda os 200.000 euros, dos que ambos concellos achegarán á partes iguais o 30 % do custo. Tanto o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, como o de Portomarín, destacaron o compromiso da Xunta de Galicia neste ámbito, que axudará a mitigar os incrementos derivados da Lei Estatal que obriga aos entes locais a repercutir os custos da xestión e tratamento do lixo.

Taboada subliñou que “os custes do servizo de basuras rozan os 300.000 euros e medidas deste tipo permiten repercutir o mínimo imprescindible”. Ademais, sinalou que se está a traballar coa colaboración doutros concellos da zona para xerar sinerxías e prestar o novo servizo de recollida de materia orgánica.

A implantación do contedor marrón supón un investimento de case 34.000 euros, e o custo anual estimado en recollida e xestión ascende a uns 26.000 euros.

O alcalde tamén destacou a dificultade que supón o servizo de recollida nun municipio de Interese Turístico como Palas de Rei, que recibe máis de 200.000 persoas ao ano e conta con dúas rutas xacobeas, cunha dispersión poboacional notable nunha extensión de 200 quilómetros cadrados. A pesar diso, Taboda apuntou que “todas estas medidas permiten que en Palas de Rei poidamos seguir mantendo conxeladas as taxas de recollida de residuos”.

Ambos rexedores agradeceron tamén ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Árias, o apoio prestado para materializar este convenio.

⚙ Configurar cookies
0.07756495475769