Palas de Rei lanza a campaña 'A auga é vida. Aprovéitaa' para promover un consumo responsable

LugoXa
A iniciativa busca sensibilizar á veciñanza sobre a conservación dos recursos hídricos ante o aumento do consumo no verán
piscina-Palas-de-Rei
23 Aug 2025

O Concello de Palas de Rei puxo en marcha, xunto coa empresa concesionaria do servizo de augas, a campaña “A auga é vida. Aprovéitaa”, co obxectivo de fomentar un consumo responsable e consciente da auga entre a veciñanza.

A iniciativa pretende sensibilizar sobre a importancia de preservar os recursos naturais, especialmente tendo en conta a escaseza de precipitacións, as elevadas temperaturas esperadas para a época estival e os efectos do cambio climático sobre os caudais ecolóxicos dos ríos.

En 2024, o volume de auga consumida polos veciños do Concello alcanzou os 89.769 metros cúbicos, cunha media mensual de 7.480 m³. O consumo máximo prodúcese no verán, entre xullo e setembro, cando se rexistraron 28.946 m³, un 68,12 % máis que no primeiro trimestre, de xaneiro a marzo, con 17.217 m³.

A campaña insiste en pequenos xestos do día a día que poden marcar a diferenza, como pechar a billa ao enxaboar os pratos, non tirar lixo polo inodoro nin aceite polo vertedoiro, ducharse en vez de bañarse ou empregar lavadora e lavalouzas con cargas completas. Tamén se recomenda moderar o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar xardíns, así como pechar a chave de paso en ausencias prolongadas, como nas vacacións de verán.

A mensaxe difundiráse a través de carteis nos edificios municipais e instalacións do servizo de augas, así como nas redes sociais e páxinas web do Concello e da concesionaria.

⚙ Configurar cookies
0.43793821334839