Palas de Rei ofrecerá en maio formación universitaria para maiores de 50 anos
O Concello de Palas de Rei abre o prazo de inscrición para anotarse nunha nova edición do programa de formación universitaria dirixido a maiores de 50 anos, froito do acordo do ente palense coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O programa leva por título ‘Camiños de coñecemento e experiencia’ e desenvolverase do 11 ao 19 de maio. Está composto por diversos seminarios formativos, con sesións teóricas e prácticas. É totalmente gratuíto e para participar non é necesario posuír ningunha formación previa específica.
As sesións impartiranse no Edificio do Centro Comarcal, en horario de 16.30 a 18.00 horas. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse na Oficina de Cultura de Palas de Rei, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
OS CONTIDOS
‘Camiños de coñecemento e experiencia’ arrancará en Palas de Rei o día 11 de maio co seminario ‘Contribución do ocio ao envellecemento activo’, impartido polos profesores da Facultade de Ciencias da USC Cristina Varela e Jesús García. O seminario completarase cun obradoiro práctico, o día 13, a cargo dos mesmos docentes.
O día 12, os profesores da Facultade de Físicas José Antonio Rodríguez e Xurxo Proupín falarán sobre 'Cambio climático, ou o que podemos perder', e o día 14 dirixirán unha visita guiada á planta de tratamento de augas do municipio palense.
A programación continuará o día 18 co seminario 'O cine como linguaxe', impartido polo investigador Álvaro Dosil, que porá fin ás actividades, o día 19, cunha sesión práctica sobre a mesma temática.