Palas de Rei presenta o programa do 25N con actividades para visibilizar e combater a violencia de xénero

LugoXa
O Concello organiza andainas, teatro, obradoiros e unha presentación literaria dentro da campaña do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres
palas-25N-2023
18 Nov 2025

O Concello de Palas de Rei, a través do Centro de Información á Muller (CIM), deu a coñecer o seu programa de actividades polo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se desenvolverán entre os días 22 e 27 deste mes.

As actividades comezarán o sábado 22 coa VII Andaina contra a Violencia de Xénero, que partirá ás 11:00 horas da Praza do Concello de Palas de Rei ata o Castelo de Pambre, nunha marcha simbólica en apoio ás vítimas e pola concienciación social.

O martes 25, a Casa da Cultura acollerá ás 20:00 horas a representación teatral “Maleta Aberta”, a cargo do Grupo de Teatro Alentia, unha proposta escénica centrada na reflexión sobre a desigualdade e as violencias machistas.

O programa continuará o mércores 26, ás 16:00 horas, cun obradoiro de relaxación e benestar emocional no Centro Comarcal da Ulloa, dirixido por Eva María Rodríguez, psicóloga do CIM, pensado para promover ferramentas de autocoidado e xestión emocional.

Finalmente, o xoves 27, tamén no Centro Comarcal da Ulloa e ás 20:00 horas, terá lugar a presentación do libro “Escenas da Vida Encuberta”, coa participación do seu autor, Fernando García Penas.

Con esta programación, o Concello de Palas de Rei reafirma o seu compromiso na loita contra a violencia machista, promovendo actividades de sensibilización, reflexión e apoio comunitario.

⚙ Configurar cookies
0.081553936004639