Palas de Rei presenta o proxecto de ampliación e mellora do paseo fluvial do río Roxán

LugoXa
A actuación, cun investimento global de 180.000 euros, permitirá conectar o percorrido coa zona deportiva e coa futura piscina municipal
Paseo-Fluvial-do-Río-Roxán-Palas-de-Rei
29 Jan 2026

O Concello de Palas de Rei vén de completar a presentación do proxecto de ampliación e mellora do paseo fluvial do río Roxán no marco da convocatoria do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico destinada a iniciativas medioambientais vencelladas á loita contra o reto demográfico. A actuación busca mellorar unha infraestrutura moi utilizada pola veciñanza e reforzar os espazos públicos ligados á natureza e ao lecer.

A administración local solicitou unha achega de 180.000 euros, que, xunto coa aportación da corporación municipal, permite pechar o cadro de financiamento necesario para levar a cabo esta intervención. O proxecto aposta por potenciar un espazo que xa conta cun elevado uso cidadán, especialmente para a práctica de exercicio físico nun entorno natural próximo ao río.

O paseo fluvial do río Roxán constitúe unha das zonas máis frecuentadas polos veciños e veciñas de Palas de Rei para camiñar, correr ou desfrutar do contacto coa natureza. Coa ampliación prevista, o percorrido incrementará as súas posibilidades ao establecer unha conexión directa coa zona deportiva do Polígono Empresarial e coa futura piscina municipal, que se atopa actualmente en fase de obras.

Con esta actuación, o Concello pretende mellorar a calidade de vida da poboación, reforzar a oferta de espazos saudables e avanzar na creación de infraestruturas atractivas que contribúan a fixar poboación e a dinamizar o municipio.

⚙ Configurar cookies
0.07807183265686