Palas de Rei recibirá 680.000 euros para o desenvolvemento da terceira fase do polígono industrial
A Xunta de Galicia investirá preto de 680.000 euros o ano que vén para impulsar o desenvolvemento da terceira fase do polígono industrial de Palas de Rei. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde, Pablo Taboada, con quen mantivo unha reunión esta semana para falar sobre diferentes asuntos de interese municipal.
Tal e como lle explicou a responsable autonómica, os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano inclúen unha partida de 676.138 euros reservada para esta área empresarial, uns fondos que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) destinará a comprar os terreos necesarios para levar a cabo esta ampliación, costear os traballos técnicos previos e iniciar as obras de urbanización. Cómpre recordar que a fase III deste parque empresarial está prevista no actual Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais (PSOAEG), un documento que nestes momentos está en proceso de modificación.
Concretamente, trátase dun ámbito que se localiza na estrada N-547, a uns 600 metros do núcleo principal e a 3 quilómetros do acceso a autovía Lugo-Santiago (AG-52). A ampliación do parque de Palas de Rei, que permitirá habilitar unha superficie adicional de case 42.300 m 2 , está xustificada polo feito de que as dúas fases existentes —ambas promovidas pola Xunta e que suman preto de 50.000 m 2 destinados a parcelas— están xa vendidas na súa totalidade, polo que non hai opción de adquirir máis solo.
Neste sentido, o alcalde de Palas subliñou a importancia da ampliación prevista na única área empresarial coa que conta o municipio, lembrando que varias empresas xa teñen amosado o seu interese en adquirir algunha parcela na futura terceira fase.
O investimento comprometido neste concello sumarase a outras partidas previstas nos orzamentos da Xunta de 2022 para impulsar e mobilizar máis solo empresarial na provincia de Lugo. De feito, IGVS e Xestur teñen reservados preto de 6 millóns de euros para actuacións nun total de oito polígonos lucenses, incluído o de Palas de Rei.