Palas de Rei reclama ao Ministerio os fondos para a reforma do Mosteiro de Vilar de Donas

O Concello de Palas de Rei volverá solicitar ao Ministerio de Industria e Turismo e á Secretaría de Estado de Turismo os fondos destinados á rehabilitación do Mosteiro de Vilar de Donas, incluída no Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-22, ao que se lle asignou un orzamento de 1.500.000 euros, anunciado na presentación do plan en Oviedo no verán de 2021 pola entón ministra de Industria, Comercio e Turismo.
Este plan, cunha dotación total de 121 millóns de euros, foi impulsado para promover os Camiños de Santiago como un recurso cultural e patrimonial, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. O Mosteiro de Vilar de Donas, situado en Palas de Rei, está incluído neste proxecto cunha inversión específica de 1.500.000 euros.
“Transcorridos tres anos desde o anuncio, descoñécese a situación dos fondos asignados para a rehabilitación do mosteiro”, sinala o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada. O rexedor destacou que, tras acadar un acordo co Obispado de Lugo para a rehabilitación integral do inmoble, que se atopa en mal estado de conservación, o Concello volverá interesarse polo estado destes recursos.
Taboada subliña a importancia de acometer estas obras de cara ao próximo Ano Santo Xacobeo 2027, tendo en conta que o mosteiro forma parte do patrimonio histórico e cultural de Palas de Rei e representa unha histórica demanda da veciñanza, así como un atractivo para os milleiros de visitantes que acoden á igrexa románica anexa ao Mosteiro. O alcalde insta ao Ministerio a cumprir coa asignación económica comprometida para este proxecto.