Do 14 ao 25 de outubro de 2024, o Centro Comarcal de Palas de Rei será o escenario dun curso especializado para formar a futuras dinamizadoras e guías ecoturísticas. Esta actividade mixta está deseñada para capacitar ás participantes nas ferramentas esenciais para a xestión do ecoturismo, un sector en crecemento que busca promover a biodiversidade e o desenvolvemento sostible.
Entre os contidos principais do curso destacan as claves do ecoturismo, ferramentas para a xestión do ecoturismo, centradas na conservación da biodiversidade local e tamén de interpretación ecoturística, como fotografía e sinalización. Ademais, trataranse competencias comunicativas e alternativas de emprego no sector do ecoturismo e casos prácticos para aplicar os coñecementos adquiridos.
O curso desenvolverase en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, os días 14, 15, 16, 17, 18, 21, 22, 23 e 24 de outubro, e o día 25 en horario reducido, de 16.00 a 19.00 horas. Esta iniciativa está organizada por AFAMMER (Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural) en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España. As inscricións están abertas, e as persoas interesadas poden reservar praza chamando ao 617 28 23 45.