Palas encara a última fase da instalación de contadores dixitais e adxudica obras para mellorar a presión da auga

O Concello de Palas de Rei afronta a última fase da colocación dos novos contadores de auga dixitais, en cumprimento da normativa vixente.
Ata o momento realizáronse 572 substitucións e restan 200 para completar a actuación, sufragada na súa totalidade polo propio Concello a través do Servizo Municipal de Augas e incluída no PERTE da auga.
Esta medida supón un importante aforro para a veciñanza, xa que sen esta intervención terían que asumir un custo medio superior aos 200 euros por instalación renovada.
O alcalde, Pablo Taboada, calcula que o investimento municipal permitirá un aforro conxunto de arredor de 150.000 euros para os usuarios.
Paralelamente, o Concello vén de adxudicar as obras destinadas a mellorar a presión da auga nas zonas altas da vila e contarán cunha achega de Augas de Galicia e darán comezo ao longo deste mes de agosto.