Palas Viva realizou unha xornada na localidade contra o impacto de Altri

LugoXa
Marta Gontá advírtelle á Xunta que a Ulloa “non se vai resignar e loitaremos até o final contra a macrocelulosa”
palas-non-se-vende-altri
6 Dec 2024

O colectivo Palas Viva da Plataforma Ulloa Viva celebrou na Casa da Cultura de Palas de Rei a xornada O que xa temos é o que nos da valor, cunha mesa redonda con produtoras da zona e un espazo e actividades para os máis cativos. Abriu a xornada a presidenta da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, que fixo un chamamento a asistir á manifestación do vindeiro 15 de decembro en Santiago porque Altri “minte, minte e minte”. Explicou Gontá que a empresa e a Xunta comezaron “mentindo” ao decir que o Proxecto Gama era o de unha biofábrica de fibras téxtis “cando é unha macrocelulosa e sería a maior fábrica de Europa de celulosa soluble”.

Tamén “mentiu” Altri nos postos de traballo que dí que vai crear, “minte” no seu Estudo de Impacto Ambiental (EIA) dicindo que está a máis de 3 quilómetros do Camiño de Santiago e que vai tapar unhas instalacións de 366 hectáreas cunha cheminea de 75 metros cun cinto de árbores autóctonas. A presidenta de Ulloa Viva lembrou tamén que “minten cando din que non haberá contaminación na auga e no aire, volven a mentir descaradamente cando piden 46 millóns de litros de auga ao día e din que eles non consumen auga, e por suposto que minten cando din no seu EIA “que o 25% das veciñas e veciños de Palas de Rei son analfabetos”.

Diante de todas estas “mentiras” coas que Altri quere instalar no corazón de Galicia a maior macrocelulosa de Europa, Marta Gontá dixo en Palas de Rei que o vindeiro 15 de decembro en Santiago “imos a darlle a Altri e á Xunta unha resposta contundente, o golpe definitivo na mesa” para deixar claro que “nin queremos nin precisamos iso que eles chaman progreso, que o que xa temos é o que nos da valor e non nos imos resignar, imos seguir loitando todos xuntos ata o final, ata que Altri deixe de amenazar o noso territorio, a nosa economía, o noso medio ambiente a nosa saúde e o noso futuro”.

Marta Gontá lembroulle á veciñanza de Palas de Rei que “esta é a nosa loita”, unha loita na que “toda Galicia está con nós, xa nolo demostraron o 26 de maio enchendo Palas de Rei máis de 20.000 persoas. Por iso a Plataforma Ulloa Viva fixo un chamamento a todas as comarcas directamente afectadas para que a manifestación do 15 de decembro “volva demostrar esa forza que temos como pobo, todas e cada un de nós somos imprescindibles nesta loita”.

Na mesa redonda onte en Palas de Rei, moderada pola arquitecta Alba López, participaron produtoras, comercializadores e expertos da zona e doutros puntos de Galicia, que defenderon as economías, o benestar e os produtos de calidade que xeran as producións en ecolóxico, o sector primario e o actual modelo socioeconómico que fai da Comarca da Ulloa un lugar de Galicia con dous puntos menos de paro que a media do país e cunha renda e unha calidade de vida exemplar.

Ana Corredoira, produtora de lácteos en ecolóxico na Cernada (Palas de Rei), Pilar Bispo, cunha horta ecolóxica en Vila de Cruces (Comarca do Deza), Xosé Lois Varela, gandeiro en Palas de Rei, Xosé Marcelo Romeu, cunha tenda ecolóxica en Boiro e Jorge Duarte, arquitecto compostelán, participaron no coloquio debate arredor do que suporía na zona a instalación da macrocelulosa de Altri. O grupo Cuarta Xusta pechou a xornada.

0.16686701774597