Panadeiros da provincia de Lugo maniféstanse para esixir un convenio digno e actualizado

Un grupo de panadeiros e panadeiras da provincia de Lugo saíron esta mañá ás rúas da capital lucense para reclamar un convenio colectivo moderno, con garantías laborais e condicións xustas, nunha mobilización convocada conxuntamente polos tres principais sindicatos: UGT, CC.OO. e CIG.
A mobilización partiu da praza do Rei e percorreu a rúa San Roque, cortando o tráfico nesta vía principal, ata chegar á praza de Santo Domingo, diante da sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), onde se fixo lectura das principais reivindicacións do colectivo.
Os traballadores denuncian que levan cinco meses coas negociacións do convenio colectivo paralizadas, e alertan de que a situación actual mantén os soldos por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional. A proposta da patronal, cun incremento do 3,35 %, é considerada insuficiente polo persoal, que tamén rexeita as compensacións mediante pluses como alternativa para alcanzar uns ingresos dignos.
Christian López Carmona, secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, denunciou que o empresariado se nega a negociar unha redución da xornada laboral, malia tratarse dun sector cunha carga de traballo nocturno elevada e pouco recoñecida. Ademais, sinalou que en moitas empresas non se garante a seguridade laboral, con altos niveis de concentración de fariña no ambiente que poden afectar á saúde.
Pola súa banda, Carlos García, representante da UGT, puxo o foco nas diferenzas salariais e de condicións laborais entre Lugo e outras provincias como A Coruña ou Pontevedra. “O que pedimos é manter os dereitos que temos e melloralos, para pechar esa fenda e achegarnos ás condicións doutros convenios provinciais”, explicou.
Os sindicatos advirten que as mobilizacións continuarán se non hai avances reais nas negociacións e fan un chamamento á patronal para retomar o diálogo cunha proposta seria e xusta para o sector.