Papá Noel estará esta fin de semana en diferentes puntos da cidade

LugoXa
Papá Noel estará esta fin de semana nos sets de #NadalmenteLucense nos barrios de Augas Férreas, Fontiñas, A Milagrosa e Abella
Mercado Nadal 1
16 Dec 2022

Papá Noel visitará esta fin de semana os sets temáticos instalados con motivo da campaña Nadalmente Lucense, promovida polo Goberno de Lara Méndez, nos barrios de Augas Férreas, Fontiñas, A Milagrosa e Abella. Así, os nenos e nenas poderán achegarse a coñecer a Santa Claus, que estará acompañado dun elfo axudante, e trasladarlle directamente as súas peticións durante a tarde do sábado 17 e domingo 18.

Concretamente, o sábado, visitará de de 16:30 a 18:30 horas a praza de Augas Férreas, e de 19:00 a 21:00 horas a praza do Camiño Primitivo; mentres que o domingo, de 16:30 a 18:30 horas atenderá aos nenos e nenas na praza da Milagrosa, e de 19:00 a 21:00 horas fará o propio na praza do Castiñeiro.

Con motivo da campaña de Nadal, enmarcada no movemento Localmente Lucense, o executivo municipal instalou sets decorativos con temática navideña nas principais prazas das agrupacións de barrio da cidade, con buzóns de peticións. Ademais, puxo en marcha animación de rúa a cargo de dous animactores caracterizados de elfos navideños e un sorteo de vales de compra todos os venres do mes de decembro.

Para participar neste sorteo, os interesados deberán presentar un tícket, por importe superior a 10 euros, dunha compra realizada nesa semana e enviar a foto ao correo: nadal@localmentelucense.gal. Deste xeito, os veciños e veciñas entrarán a participar no sorteo semanal de tres vales por importe de 200€, 100€ e 50€, publicado a través das redes sociais cada venres, acumulando así os tícket de cada semana.

Nadalmente Lucense

#NadalmenteLucense é a campaña promovida polo executivo municipal para dinamizar os barrios da cidade e promover o comercio e a hostalería lucenses durante o período navideño, dentro da Estratexia global de reconstrución e reactivación da economía de Lugo, lanzada pola rexedora trala pandemia.

Esta campaña conta con tres piares, que son os seguintes: a organización do primeiro mercado municipal Nadalmente Lucense, na Praza Maior, inspirado nos mercadiños europeos, co fin de  darlle aos negocios da cidade a posibilidade de ofrecer os seus produtos nun dos espazos máis emblemáticos e transitados do municipio; a realización de accions de dinamización nos distintos barrios da cidade; e asesoramento e formación in situ aos comerciantes para a posta a punto dos seus establecementos de cara á campaña de vendas do Nadal.

Estas iniciativas están enmarcadas no Plan de Recuperación post pandemia e dinamización dos barrios do movemento Localmente Lucense, que inclúe actividades de ocio e lecer como tardeos, noiteos, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento; campañas estacionais e en datas sinaladas como San Valentín ou Samaín, rebaixas de inverno e de verán; ou a organización de mercadiños no río, así como actividades especiais centradas no barrio da Tinería.

Toda a información sobre esta campaña e as bases para a participación no mercadiño poden atoparse na páxina web www.localmentelucense.gal/nadalmentelucense.

0.17234015464783