"Para nós é importante seguir saíndo xuntos todo o posible para manter o club vivo"
Como son os inicios do Quercus-Aper?
O club Quercus-Aper de ciclismo da comezo no 2020 un pouco a raíz da pandemia. Eu sempre saín en bicicleta e sempre quixen facer algo así, nese momento xurdiu a oportunidade tamén como consecuencia do meu traballo en Decathlon. Eramos varias persoas interesadas e pouco a pouco fomos crecendo.
Canta xente forma parte do club?
Somos un club novo, con só tres anos e falta moito por facer pero na actualidade contamos con cincuenta socios. Actualmente temos o cupo pechado porque preferimos ser menos socios e que estean contentos.
Entón non aceptades novos socios?
En principio non, pero cabe a posibilidade, según o caso de que si. Depende das circunstancias, igual xente que ven de fora a traballar a Lugo ou de verdade o necesita pois si que acollemos. Non é o mesmo unha persoa que anda saltando dun club a outro, que nese caso non, sabemos dalgún caso porque entre os clubs de Lugo temos moi boa relación e falamos. De feito temos varias persoas que son socias de dous clubs a vez, porque hai boa relación e axudas a dous clubs a crecer.
Como son adestramentos?
Temos un grupo de whatsapp a través do que falamos cando saímos e xuntámonos varias persoas. Soemos adestrar todo o que podemos e despois imos a todas as rutas que nos é posible. O ano pasado participamos nunhas dez como a ruta dos Lobos e este ano xa estamos apuntados a ruta Catro Picos, eu tamén vou a ir a Rioja Race con outros membros do club. A min sempre me gusta facer unha ruta máis potente fora de Galicia.
Por onde saídes para realizar os adestramentos?
Pois temos varias zonas, desde Penarrubia, Ombreiro, Os Lagos de Teixeiro, O Cádavo e moitas outros sitios nos arredores de Lugo. Eu por exemplo saio bastante por Castroverde, porque a miña parella é de alí e aproveito cando imos, hai uns anos fixemos unha ruta moi bonita por esa zona.
Que é o que máis desfruta deste deporte?
Quizais que é un deporte individual, é dicir podes practicalo cando queiras sen precisar de ninguén, non é un deporte colectivo no que precisas de outras persoas para poder realizar.
Tamén que gran cantidade de modalidades que existen para practicalo, desde estrada, ciclocros ou montaña. É un deporte moi individualizado ao que lle podes dedicar o tempo que ti precises non ten unha duración estipulada como un partido de fútbol, que conta cun inicio e un final.
Cales son os principais obxectivos do club?
Para nós é importante seguir saíndo xuntos todo o posible para manter o club vivo. Agora mesmo estamos traballando para tentar coller o deporte desde abaixo e incluír cativos, para que lle collan o gusto xa dende pequenos. Este é un deporte que cando mellor se aprende é cando eres máis novo, se comezas coma min, aos vinte, non tes a mesma habilidade de aprender. A corto prazo este é un dos nosos principais obxectivos.
Que necesidades teñen na actualidade como club?
A nivel da cidade, precísanse máis infraestruturas para o ciclismo, que dende as institucións arreglen un pouco máis os sendeiros e que os sinalicen mellor. E para os clubs que haxa locais específicos para o ciclismo, que haxa máis puntos para o lavado de bicis gratuítos ou como teñen noutras cidades algún punto de reparación de bicicletas.
E despois que se axude un pouco máis dende o Concello, nós para facer a carreira foi complicado, fun varias veces ao Concello a falar cos concelleiros e foi difícil. A carreira fíxose gracias a Rubén Arroxo e tamén ao deputado de Deportes, eles foron os que nos axudaron, se é polo Concello de Lugo non se fai nada.
Algún consello para alguén que queira comezar a practicar este deporte?
Eu recomendaríalle buscar calquera club que sexa activo e que se anote. Nós por exemplo contamos cunha rapaza María, que se dedica a recrutar mulleres porque hai moi poucas dentro do mundo da bici e queda con elas para facer saídas, actualmente dentro do club temos unha sección feminina para que saia o deporte un pouco adiante nese ámbito porque hai moi pouco. Animamos a todas as interesadas a participar.
É difícil ter un club vivo, eu teño moita axuda de xente que lle gusta, xente do club que non son parte da directiva e que sempre están dispostos a votar unha man. Non é necesario estar na directiva para facer cousas polo club.