Paralizan os traballos de demolición do Garañón cunha nova notificación xudicial
Unha notificación xudicial obrigou esta mañá a paralizar de novo os traballos de demolición das torres do Garañón, horas antes de que deran comezo.
O pasado vernes, a empresa adxudicataria dos traballos e o Concello firmaron a acta de replanteo e inicio de obra pero cando procedían á retirada do material de obra abandonado, chegou a orde de paralización.
Esta paralización está motivada polo recurso presentado polo promotor da obra e a alcaldesa espera que esta se resolva en poucos días, tal e como se fixo co recurso que presentou a entidade financeira, acreedora da promotora.
REACCIÓN DO PP
O PP di que o anuncio da paralización da derriba das Torres do Garañón é un capítulo máis "dunha chapuza e dun engano sen precedentes aos lucenses".
Aseguran que "unha vez máis asistimos ao ridículo máis absoluto do goberno de Lara Méndez que hai uns días montaba un teatrillo para gañar un titular e tentar, outra vez, enganar aos lucenses"
Para o Partido Popular “tirar o Garañón non é ningún éxito porque a licenza dada por Besteiro e os seus compañeiros de corporación do PSOE está a custarnos, ademais de moitos desgustos, moito diñeiro a todos os veciños e veciñas”.
Á parte dos 600.000€ que custará o derrubamento das torres, o PP estima que unha vez que se tiren os edificios das costas do parque cada lucense terá que pagar, do peto, máis de 200€ por cabeza en concepto de indemnización ao promotor, que pide máis de 20M€ pola licenza ilegal que lle deu o PSOE.