Pardo asegura que todos os veciños teñen xa conexión á fibra óptica
O alcalde Outeiro de Rei, José Pardo lanzou unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza pola preocupación manifestada ante a retirada das conexións ao cobre nun curto prazo de tempo.
O mandatario explicou que está despregado en todo o termo municipal a fibra óptica, a través de Adamo, polo que “ningún veciño de ningunha casa en ningún punto do termo municipal quedará sen conexión”, explicou.
Pardo explicou que o cabreado do Concello realizouse xa a principios de 2023. Dous anos antes, o Concello firmou un convenio coa empresa Adamo e realizou un investimento en infraestruturas “para que todo se puidera facer ben e chegara o servizo a onde non estivera acordado co Estado”.
Polo tanto, afirma que en calquera parte do concello xa se poden conectar á fibra óptica polo que “quero mandar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza, de que o único que teñen que facer é acordar o cambio coa compañía correspondente, porque o servizo e a cobertura xa o teñen”.
“Esta acción que fixemos vén dada porque nos preocupamos desde sempre porque dar un servizo completo, porque no rural temos que ter os mesmos servizos que unha vila para poder vivir e traballar”, explica Pardo.