Pardo Bazán e Xela Arias, as protagonistas da biblioteca de Lugo no mes de maio
A biblioteca pública da Xunta en Lugo centra a programación de maio en dúas importantes efemérides que se celebran o vindeiro mes, o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán e o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Xela Arias. Haberá conferencias, mostras e contacontos arredor das dúas escritoras homenaxeadas. A información sobre todas as actividades previstas está dispoñible na web do centro bibliotecario.
Así, o día 12 ás 18,00 h, terá lugar o faladoiro Emilia Pardo Bazán, unha mente poderosa, a cargo da escritora María Canosa, destinado tanto a público infantil, a partir de 8 anos, como a adulto. Trátase dun percorrido pola vida desta muller ávida de coñecemento e de ideas, que se forxou a si mesma.
En torno a esta figura instalarase tamén a exposición Emilia Pardo Bazán, unha muller adiantada ao seu tempo. A mostra recolle, por unha banda, as obras da autora que forman parte do fondo patrimonial do centro, publicadas antes do 1958, e, por outra, as novas edicións dos seus volumes, así como títulos que estudan a súa vida e a obra literaria e xornalística. Inclúese tamén o coñecido epistolario cuxo destinatario era Benito Pérez Galdós. O obxectivo é poñer en valor os fondos da biblioteca, tanto no que se refire ás coleccións patrimoniais como aos exemplares destinados a préstamo, ao tempo que se enxalza a figura desta escritora e xornalista precursora do feminismo en España.
Letras Galegas
Pola súa banda, a celebración do Día das Letras Galega arranca na segunda quincena coa mostra Le na túa lingua, con volumes en galego de todo tipo de xéneros e para todas as idades. O día 21, Raquel Queizás ofrecerá o espectáculo de narración oral Arredor de Xela. Será ás 18,00 h e poderán asistir 10 nenos e nenas de 4 a 12 anos e 10 adultos.
Tamén no marco desta celebración, a biblioteca convocou o mes pasado o XXVII Certame de narración e debuxo Letras Galegas, tanto na fase local coma na provincial.
O concurso está dirixido a nenos e nenas ata 16 anos, que poden participar en distintas categorías segundo a idade. Así, a categoría A abrangue ata os 8 anos, a B, de 9 a 11 anos, e a C, de 12 a 16 anos. Cada un deles deberá enviar narracións en galego cunha extensión maxima dun folio ou debuxos en cartolina DIN A4 sobre o dereito das nenas e nenos a participar na vida cultural. O prazo de presentación está aberto ata o 7 de maio.
O xurado seleccionará un máximo de tres traballos, que participarán na fase provincial xunto coas narracións e debuxos elixidos nas bibliotecas públicas municipais da provincia. O fallo farase público na primeira quincena do mes de xullo. Os autores galardoados recibirán cadansúa figura de Sargadelos e un lote de libros.
Outras actividades
Á marxe destas datas conmemorativas, haberá contacontos os venres 7, con A viaxe do paporrubio, a cargo de Sara Cruz, e 14, con Marosa e Mariña camiñan a Compostela, da man de Iago López. As sesións terán lugar ás 18,00 h. e dispoñen de dez prazas para público infantil ata 12 anos e outras dez para adultos. O derradeiro venres do mes será a quenda de Maxiart, un espectáculo no que David Méndez combina a maxia e o ilusionismo nunha experiencia chea de fantasía e imaxinación. Para cativada de 3 anos en diante, con dez prazas e outras tantas para adultos.
A programación do vindeiro mes complétase con diversas mostras, como Camiño de Santiago e Coida o teu xardín, ou Galicia cine, que recolle na sección de audiovisuais unha escolma do cine feito en Galicia, sobre Galicia ou por directores galegos. Pola súa banda, o público infantil disporá durante a primeira quincena dunha selección de álbums e contos nos que as protagonistas son as nais, con motivo da celebración do Día da nai, este domingo.