Patricia Vázquez, nova xefa de Arquitectura do Concello de Lugo
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presidiu a toma de posesión de Patricia Vázquez Mille como nova xefa de Arquitectura do Concello de Lugo, nun acto ao que tamén asistiron o tenente de alcaldesa Miguel Fernández e o director xeral de Urbanismo, Hipólito Pérez, así como varios traballadores do departamento e o vicesecretario municipal.
A rexedora deulle persoalmente a benvida á Administración local e destacou que “se trata da cobertura dun posto estratéxico nunha área, a de Urbanismo, á que queremos darlle impulso pola repercusión dinamizadora que exerce sobre a cidade, conscientes da necesidade de seguir axilizando a tramitación de licenzas e o desenvolvemento do planeamento urbanístico como vías para dotar de recursos ao tecido produtivo de Lugo e que isto redunde non só na implantación de futuros proxectos industriais, comerciais e residencias, senón tamén nunha mellora da economía e da xeración de emprego no municipio”, afirmou.
A este respecto, Paula Alvarellos fixo fincapé en que a chegada de Hipólito Pérez como director xeral de Urbanismo “supuxo un punto de inflexión nese avance que está a experimentar a cidade dende febreiro e que, agora se verá reforzado con este novo nomeamento que, agardamos, axude a mellorar a estabilidade do equipo técnico do Servizo”, subliñou a alcaldesa.
Ao tempo recoñeceu e agradeceu “o traballo realizado ata a data pola antecesora no cargo, a arquitecta Susana Penedo, da que destacou a súa dedicación, bo facer e capacidade resolutiva e sempre pro activa, como constantes no desempeño do seu labor”, enxalzou a alcaldesa. A de Vázquez Mille como nova xefa de Arquitectura é a última designación destacada no cadro de persoal municipal dende a chegada de Alvarellos Fondo a Alcaldía, logo da propia do director xeral de Urbanismo, o Interventor e mesmo a vindeira incorporación, en setembro, do Director da Banda de Música, anunciada días atrás.