Patrimonio cataloga a Pena Castrela de Friol

TerraChaXa | LugoXa
Atendendo a solicitude que se fixo dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares, o Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo vén de comunicar que, despois da inspección efectuada polos seus arqueólogos, a Pena Castrela foi incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
pena castrela friol
12 Out 2022

Atendendo a solicitude que se fixo dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares, o Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo vén de comunicar que, despois da inspección efectuada polos seus arqueólogos, a Pena Castrela foi incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Segundo o artigo 93 da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do ano 2016, por conter manifestacións de arte rupestre pasa a ter a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), gozando a partir deste momento da máxima protección legal. Situada no monte do Pedrido, entre as parroquias de Lea e Narla, é a máis emblemática e visitada do concello de Friol.

Trátase dun espectacular afloramento granítico cunha altura máxima que ronda os 12 metros e en cuxo pé se abre un espacioso acubillo que pode dar cabida a varias persoas. En distintas partes da pena vense gravuras de entalladuras, pías e coviñas realizadas por man humana, as máis antigas de época prehistórica.

Hai máis de trinta anos, os investigadores Juan Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela xa documentaron algúns dos petroglifos, así como a sona que a pena tiña en Friol, pero aínda así non fora catalogada.

A Pena Castrela debe a súa fama, principalmente, a unha vella lenda, con varias versións, trasmitida de xeración en xeración. Un día ía unha moura coa súa filla polo monte do Pedrido. A filla levaba unha ola de mazar o leite, e a nai, ao tempo que fiaba, transportaba unha enorme pedra sobre a cabeza. Cando chegaron ao sitio onde se atopa a Pena Castrela, a moura esvarou e ao caerlle a pedra que levaba matou á filla e rompeu a ola. Chea de rabia, colleu unha gran pedra e lanzouna contra a Pena Castrela ao tempo que exclamaba: "Pena Castrela, / rompíchesme a ola / matáchesme a nena / heiche fender dende o rabo á orella". A pena quedou partida, tal como se ve na actualidade. No acubillo vense gravados uns longos sucos que se di son as unllas da moura cando, rabiosa, arrabuñou a pedra, e cinco pequenas coviñas que hai ao seu carón as marcas dos seus dedos.

"Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares amosamos a nosa satisfacción de que por fin se catalogue este espazo arqueolóxico-cultural, que dende hai moitos anos levan divulgando veciños e asociacións do concello de Friol", din.

Dende Patrimonio tamén comunicaron a catalogación dun sartego antropoide de época medieval en Gondai, preto da igrexa de San Xoán de Parada (Outeiro de Rei), un dos poucos exemplares escavados na rocha viva que presenta a característica de acoller dous corpos (a gran maioría acollían só un cadáver).

sartego friol patrimonio
0.10357880592346