Patrimonio dos Ancares documenta dúas mámoas en Becerreá

LugoXa
O achádego, que puideron comprobar grazas á información dunha veciña, atópase na serra de San Pedro, na parroquia de Cascallá
patrimonio dos ancares mámoas becerreá
24 Feb 2021

O colectivo Patrimonio dos Ancares vén de documentar dúas novas mámoas no concello de Becerreá. O achádego, que puideron comprobar grazas á información dunha veciña, atópase na serra de San Pedro, na parroquia de Cascallá, a 795 metros de altitude e próximo a unha ruta sinalizada entre as aldeas de Todón e San Pedro.

Os enterramentos que agora se documentaron roldan os 6.000 anos de antigüidade. A primeira mámoa ten uns 18 metros de diámetro e uns 0,80 metros de alto. Sobre o túmulo hai unha grande cantidade de pedras de lousa e cuarzo, que formaban parte da coiraza que o recubría. Entre a maleza vense dúas pedras de considerables dimensións que puideron formar parte do dolmen que agochaba no seu interior.

A segunda mámoa ten un tamaño menor, cuns 12 metros de diámetro e unha altura de 0,30 metros, e ademais perdeu boa parte da masa tumular coa ampliación dun camiño.

Desde Patrimonio dos Ancares cren, segundo a información recabada, que na zona podería haber, cando menos, outras tres mámoas que foron destruídas hai décadas polos labores agrícolas e forestais.

CATALOGACIÓN

O colectivo informa ademais de que outras catro mámoas que documentou no concello de Becerreá -tres no Monte Brueiras, na parroquia de Guilfrei, e outra máis na Pena de Leira, en Ferreirós de Valboa- veñen de ser catalogadas polo Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura.

0.18558216094971