Patrimonio dos Ancares e Tir Na n'Og localizan dúas estruturas circulares no Corgo e Castroverde
O pasado 10 de xaneiro o Colectivo Patrimonio dos Ancares comunicou ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a existencia dunha estrutura circular situada no monte das Cabanas, na parroquia de Maceda no concello de O Corgo.
Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares declaran que "este achado trátase dun círculo perfecto de 75 metros de diámetro que apenas sobresae 20 centímetros do chan e que, debido a estar moi colmatado pola acumulación de materia vexetal (atópase entre pinos e rebolas), apenas é perceptible a simple vista". Algúns investigadores comparan estes círculos cos henge das Illas Británicas.
"O primeiro documentado en Galicia foi o famoso da Roda de Barreiros onde xa se efectuou algunha intervención e onde, como resultado das análises radiocarbónicas, fixouse o momento da súa construción no Bronce Medio (séculos XVII e XVI a.C.)" informan dende a colectivo.
Segundo explican "nos últimos anos están a documentarse en Galicia varios destes enigmáticos círculos (ata o momento detectáronse pouco máis de medio cento). Polo de agora descoñecese cal sería a súa función pero pode que estean vencellados a algún tipo de ritual, sen desbotar o funerario, ou que se trate de lugares onde as sociedades prehistóricas se xuntaban para facer reunións de tipo político, social ou relixioso".
Unha vez visitado ao lugar por arqueólogos de Patrimonio da Xunta de Galicia comprobou que se trata dun elemento arqueolóxico circular polo que redactaron unha ficha do rexistro de xacementos, sendo catalogado co código GA27014070. Esta estrutura do Corgo é unha das poucas catalogadas ata o momento en Galicia.
O Colectivo Patrimonio dos Ancares tamén ven de comunicar a Patrimonio outro círculo de características semellantes no concello de Castroverde que a asociación de recreación histórica do Arde Lucus, Tir Na n'Og localizou hai poucos días e que visitaron os do colectivo. Atópase no monte da Zarra, en Pereira, parroquia de Furís. Trátase, coma o do Corgo, "dun círculo perfecto duns 100 metros de diámetro que apenas se percibe a simple vista, pero si nas fotos do voo americano dos anos 1956-57. Apenas levanta do chan 10 centímetros" informan.
Estes xacementos que "ata non hai moito tempo tiñánse como castros, poden considerarse como excepcionais se temos en conta que fóra das Illas Británicas, que saibamos, non se tiñan localizadas este tipo de estruturas polo que consideramos a necesidade da realización de estudos e escavacións que permitan despexar os enigmas que plantexan estas sorprendentes estruturas que poden achegar novas informacións sobre a prehistoria de Galicia" declaran dende o colectivo.
Patrimonio dos Ancares ten localizados cinco máis, inéditos, na provincia de Lugo, uns grazas á información achegada por veciños e outros polas imaxes que nos proporcionan as fotos aéreas.