Patrimonio Naviego e o PP analizan o futuro da Casa Benedicto en Navia de Suarna

A asociación Patrimonio Naviego mantivo un encontro co portavoz do PP en Navia de Suarna, Raúl Pérez, e con Antonio Ameijide, voceiro do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo, para tratar a situación da Casa Benedicto, un inmoble pertencente á Deputación segundo o inventario patrimonial de 2023. O obxectivo foi coñecer en detalle as demandas da entidade e avanzar na procura de solucións para este edificio de alto valor histórico.
Antonio Ameijide subliñou que a reunión forma parte do compromiso do Grupo Provincial Popular de “manter un diálogo aberto e permanente con todas as asociacións e veciños da provincia”, tal e como se vén facendo desde o inicio do mandato. “A nosa prioridade é atender todas as entidades, asociacións e veciños da provincia”, afirmou.
O voceiro provincial lamentou que, segundo indicou a propia asociación, a Deputación de Lugo non dera resposta aos escritos remitidos por Patrimonio Naviego ao goberno provincial de PSOE e BNG, “aínda sendo un asunto que require responsabilidade e dilixencia por tratarse dun edificio de titularidade pública”. “PSOE e BNG esquecen manter dignamente o patrimonio de todos os lucenses”, engadiu.
Ameijide insistiu en que, sendo a Casa Benedicto propiedade da Deputación, o goberno provincial debe actuar con responsabilidade para garantir o seu mantemento e evitar o deterioro. “Se a calquera particular se lle obriga a manter en bo estado as súas propiedades, tamén as administracións públicas deben dar exemplo”, sinalou.
O popular preguntou a PSOE e BNG “se están de acordo” en que se derrube este histórico edificio e solicitou que estuden a posibilidade de rehabilitalo, vinculado a usos turísticos ou á difusión da historia de Navia, entre outras opcións.
O Grupo Provincial Popular comprometeuse a seguir de preto a situación da Casa Benedicto e a realizar todas as accións necesarias para protexer e poñer en valor este inmoble emblemático de Navia de Suarna.