Paula Alvarellos agradeceu aos dez bombeiros de Lugo a axuda ás vítimas da DINA

LugoXa
O destacamento especial estivo composto por Pablo Yanes, Enrique Trashorras, Marcos Rodríguez, Juan Coto, Paulo Grandío, Iago Crende, Gonzalo Castro, Gutier Castro, Rubén Calvo e Rubén Vázquez
reunión-cos-bombeiros-que-foron-a-Valencia-en-Lugo
18 Nov 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, reuniuse cos dez bombeiros voluntarios que integraron o destacamento que viaxou a Valencia para axudar nas tarefas de emerxencia pola DINA.

Este destacamento especial estivo composto por Pablo Yanes, Enrique Trashorras, Marcos RodríguezJuan Coto, Paulo Grandío, Iago CrendeGonzalo CastroGutier CastroRubén Calvo e Rubén Vázquez.

Durante case unha semana, este grupo de lucenses axudou na recuperación de servizos básicos para os cidadáns como o restablecemento da actividade nun centro de saúde, limpeza de rúas e achique de auga en garaxes dalgunhas das localidades máis afectadas, como Alfafar e Paiporta.

A rexedora municipal interesouse polo estado destes dez bombeiros e agradeceulles o seu traballo nas zonas máis afectadas pola catástrofe.

Ademais, Paula Alvarellos agradeceu a todos eles o seu traballo desinteresado, pero tamén ao resto de bombeiros do parque de Lugo que se ofreceron a viaxar a Valencia para axudar nos labores de rescate, pero que finalmente tiveron que permanecer en Lugo para que a cidade non quedase desprotexida.

A rexedora valorou, ademais, a solidariedade dos e das lucenses e sinalou que o Concello de Lugo seguirá a traballar para canalizar de forma segura todas estas axudas, ofrecendo medios seguros para apoiar a quen máis o necesita nestes momentos.

0.20028400421143