Paula Alvarellos enxalzou a traxectoria de Ana Carreira e Marga Portomeñe na ofrenda a Rosalía

LugoXa
Maite Ferreiro destacou o Domingo das Mozas "como un dos días máis importantes do San Froilán cada ano"
Ofrenda-a-Rosalía-Lugo
6 Out 2024

O Domingo das Mozas celebrou dúas actividades "dun importante peso simbólico" como é o desfile do traxe tradicional, que este ano celebrou a súa 52ª edición, e a ofrenda a Rosalía de Castro.

Maite Ferreiro destacou o Domingo das Mozas "como un dos días máis importantes do San Froilán cada ano", e engadiu "a xornada de hoxe contará cun gran peso da música e da cultura tradicional sen esquecer a diversidade de actividades para todo tipo de gustos".

O desfile do traxe tradicional contou con 15 participantes, que desfilaron pola praza Maior amosando as distintas pezas de cada un dos traxes procedentes de toda Galicia. Unha vez rematado o desfile, a corporación municipal saíu en dirección ao Parque de Rosalía, onde comezou a ofrenda a cargo de Marga Portomeñe e Ana Carreira.

A xornada de hoxe conta actividades musicais ao longo de todo o día, comezando ás 12:30 con Airiños de Orbazai na praza de Santa María. Branca Villares e Pablo Pintor, Carapaus, Belem Tajes, Os Melidaos e Filophóbicas completarán a programación musical nos distintos escenarios das festas, programación que rematará co concerto de Sés ás 22:00 en Santa María.

OFRENDA A ROSALÍA

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presidiu xunto á concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, a ofrenda a Rosalía, que este ano correu a cargo da dramaturga, actriz e escritora Ana Carreira e da docente, tamén actriz, escenógrafa e artesá, Marga Portomeñe.

A rexedora municipal sinalou que esta ofrenda “é un momento emocionante, con moito significado desde o punto de vista do compromiso coa igualdade, coa lingua galega e coa conservación das nosas tradicións, que tamén son referentes nesta xornada do Domingo das Mozas”.

Paula Alvarellos explicou ademais que “tanto a vida como a obra de Rosalía supuxeron un dobre compromiso: pola igualdade das mulleres e tamén unha reivindicación pola lingua galega”.

A rexedora municipal enxalzou a traxectoria profesional das dúas oferentes, precisamente por intensificar “co seu traballo ese compromiso coa cultura galega no ámbito do teatro, da literatura e da docencia”.

Pola súa banda, Ana Carreira e Marga Portomeñe despregaron na ofrenda as súas dotes como actrices para facer un repaso polos personaxes de Rosalía e dalgunhas das mulleres que protagonizaron as súas obras.

O acto contou ademais coa actuación musical do Coro de Cántigas e Frores e coa asistencia de varios representantes da Corporación Municipal.

0.10331988334656