Paula Alvarellos esixe á Xunta unha maior dotación económica para o Corro do Mouro

LugoXa
A profesora da USC informou de que as investigacións levadas a cabo neste xacemento confirman a hipótese de que este xacemento é un enorme centro funerario de finais da Idade de Bronce
Visita-Corro-do-Mouro-Goberno-local-Lugo
9 Nov 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, visitou o Corro do Mouro, o xacemento arqueolóxico situado na parroquia lucense de Adai, onde esixiu á Xunta unha maior dotación económica para investigar este xacemento funerario, datado nos anos finais da Idade de Bronce, e único en Galicia.

Alvarellos Fondo visitou o denominado tamén como Roda de Adai da man da profesora de Arqueoloxía da USC, Pilar Prieto, que dirixe o equipo que está a levar a cabo ditas investigacións.

Para a rexedora municipal “o potencial investigador do coñecido como O Castrillón de Adai é excepcional”, polo que considera que “é necesario que o Goberno autonómico incremente a súa asignación de fondos para investigar, recuperar e poñer en valor o noso patrimonio histórico-artístico".

Para o estudio adecuado deste xacemento e con iso arroxar máis luz sobre estes descubrimentos e a historia de Lugo “é imprescindible un compromiso maior por parte da administración autonómica, que permita seguir investigando neste conxunto arqueolóxico, ao tempo que se traballa para que logre a máxima protección”, sinalou Paula Alvarellos.

Ademais, a alcaldesa explica que “non só se trata de achados moi importantes para Lugo, senón que, dados os estudios realizados e ante os primeiros resultados, xa se confirmou que estamos ante un xacemento único en Galicia, cunhas posibilidades e cun potencial para futuras investigacións enormes”.

A rexedora municipal fai fincapé neste aspecto e apunta que “este xacemento ou o templo de Santa Eulalia de Bóveda, son un exemplo do noso potencial e de vestixios únicos da súa época e do seu xénero. Por iso é responsabilidade do Goberno autonómico avanzar na súa investigación, conservación e divulgación. Apostamos por que o noso patrimonio aumente a súa capacidade de xerar riqueza a nivel local e por atraer tanto turismo cultural como prestixio internacional, pero para iso necesitamos que cada administración asuma as súas competencias”.

Lugar estratéxico de uso cerimonial

A profesora da USC informou á alcaldesa de que as investigacións levadas a cabo neste xacemento confirman a hipótese de que este xacemento é un enorme centro funerario de finais da Idade de Bronce, un conxunto arqueolóxico único en Galicia, que ademais ten aínda un enorme potencial, ante a presencia nesta zona de petroglifos, mámoas, círculo líticos, cabanas prehistóricas, dolmens, castros e tamén de cerámicas similares ás descubertas en Penarrubia.

Paula Alvarellos tivo a oportunidade de percorrer a Roda e comprobar os pasos dados desde a súa anterior visita á zona, principalmente os resultados das escavacións antes de que se procedera a cubrir este espacio.

Segundo explicou a experta Pilar Prieto, investigadora dos grupos EcoPasr e Cispac da USC, os achados confirmaron as primeiras impresións, é dicir, que se trataba dun centro funerario, dun gran espacio nun lugar estratéxico, pero de uso cerimonial.

De feito, Prieto ensinou á rexedora algunhas das moitas pedras de cuarzo branco atopadas na zona, e que formaban parte dun gran muro de contención e dun súper anel visible desde calquera punto polas características da citada pedra.

As escavacións, desenvolvidas nunha superficie de 1,5 por 17 metros cadrados, serviron para constatar a conservación desa gran construción integrada por un muro de pedra de case dous metros de altura que, se cre, tiña reforzada a súa cara exterior por xadre de moi boa calidade que formaban un dos dous muros de contención de case 3 metros de ancho, ademais de por un foso exterior. As investigacións apuntan tamén, segundo explicou a profesora Pilar Prieto, a que o lugar onde se descubriu a Roda estaba orientado ao sur respondendo así ao simbolismo das mámoas.

Na súa visita a toda esta zona da parroquia lucense de Adai, Prieto confirmou á alcaldesa non só o ben conservado que estaba este muro senón tamén outros elementos que converten este xacemento nunha zona única pola conservación, por exemplo de cazoletas, o que en arqueoloxía se denominan aos pequenos ocos escavados nas rochas, acompañados de petroglifos e gravados rupestres, e que neste caso poden responder á presencia de cabanas da segunda metade da Idade de Bronce.

En definitiva, Prieto sinalou que “de confirmarse todas as nosas hipóteses poderíamos estar ante un auténtico acontecemento a nivel científico e divulgativo, de aí a importancia de continuar coas investigacións”.

0.20694804191589