Paula Alvarellos propón culminar a Avenida Vila Verde para mellorar a circulación en Fontiñas
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, cre na necesidade de culminar a Avenida Vila Verde para crear novos espazos de aparcamento e mellorar a circulación en Fontiñas.
Así o sostivo durante unha reunión celebrada na delegación territorial da Xunta na que se discutiron diversos proxectos de mellora da mobilidade urbana na cidade, e na que estiveron, entre outros, o director xeral de Urbanismo, unha enxeñeira municipal, o delegado territorial, Javier Arias, e técnicos autonómicos.
Paula Alvarellos destacou que “ofrecemos unha localización na confluencia de Fontiñas con Rof Codina para que a Xunta dote de zona de aparcamento a este barrio”, e subliñou que aínda que houbo algunhas dúbidas iniciais, os representantes autonómicos non descartaron esta opción.
Con todo, parecen cuestionar a viabilidade dun aparcamento en altura debido a cuestións técnicas e ao impacto visual. "Con ánimo de facilitar a consecución dunha mellora real da mobilidade en Fontiñas e gañar prazas de aparcamento, propuxemos unha alternativa que consiste en enlazar os dous tramos existentes da Avenida Vila Verde", explicou Alvarellos.
A alcaldesa informou que a culminación desta vía estratéxica permitiría non só crear os aparcadoiros necesarios grazas á súa considerable sección de 22 metros, senón tamén axilizar o tráfico local e aliviar o efecto túnel que afecta a Fontiñas.
Pola súa parte, Arias reiteroulle á alcaldesa a “plena disposición” do Goberno galego a colaborar neste proxecto, se ben trasladoulle que a proposta inicial presentada polo Concello, que plantexaba localizar o aparcamento nunha parcela que linda coas rúas Rof Codina, Illa da Toxa e Xoan Rico Pérez, “non resolve en absoluto os problemas dos veciños e veciñas de Fontiñas e demais usuarios desa vía”.
Así, asegurou que "a Xunta acometará integramente a construción deste aparcadoiro e por iso analizaremos a fondo as distintas propostas e falaremos tamén cos veciños para ver cal é a alternativa que ofrece a resposta máis eficaz ás súas necesidades”, explicou o delegado.
OUTRAS CUESTIÓNS
Durante o encontro, tamén se abordaron outras preocupacións, como a falta de avances na apertura de aparcamentos en centros educativos na avenida Ramón Ferreiro, destacando a importancia de cumprir co compromiso adquirido coas dotacións infrautilizadas. “Poden abrir cando consideren, do mesmo modo que fixo a Deputación provincial no Fogar de Santa María”, comentou Alvarellos.
Ademais, a rexedora instou a Javier Arias a acelerar os traballos para a apertura do aparcamento da avenida Breogán e solucionar os problemas de anegamento xerados, ofrecendo terreos públicos para facilitar a solución. “Non podemos permitir que a falta de acción continúe afectando a nosa veciñanza. A mobilidade e o acceso aos servizos son dereitos fundamentais que debemos garantir”, declarou Alvarellos.
Pola súa parte, o delegado da Xunta abrirá en primeiro lugar o aparcadoiro do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, un trámite para o que é necesario que se convoque previamente a Xunta local de seguridade co fin de asinar un convenio entre as Administracións que permita definir as responsabilidades e competencias que asume cada parte en cuestións como, por exemplo, a retirada de vehículos dentro do espazo.
“A alcaldesa comprometeuse a convocar canto antes a xunta local de seguridade, así que agardamos que sexa así para poder abrir o aparcamento do instituto á maior brevidade posible, coa seguridade xurídica necesaria”, dixo Arias.
Lembrou ademais a vontade do Goberno galego de abrir tamén o aparcamento do IES Lucus Augusti pero explicou que neste caso haberá que agardar a que as obras de rehabilitación integral que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está a executar no centro, cun investimento de 3,3 millóns de euros, permitan usar o espazo do aparcamento e facelo en condicións de seguridade.
Por último, a xuntanza serviu tamén para avanzar na apertura do aparcadoiro disuasorio construído pola Xunta na Avenida de Breogán, e que suporá poñer a disposición da cidade 148 novas prazas.
O delegado territorial conseguiu o compromiso da alcaldesa de que se axilizará a concesión da autorización necesaria para que a Xunta poida actuar dentro do dominio público municipal e realizar así as obras que dean solución aos problemas de drenaxe de auga que xa existían previamente na contorna do aparcadoiro, afectando principalmente na rúa Monte Pena Rubia.
Arias amosou a satisfacción por avanzar neste asunto e lembrou que a Xunta leva “uns dous meses” agardando pola licenza para poder realizar os traballos, “unha obra menor que a Xunta decidiu asumir co fin de axilizar a apertura do aparcamento, malia ser un problema de competencia municipal que existía con anterioridade á súa construción e que ademais está fóra da zona na que se actuou”.
Así mesmo, instou á alcaldesa a realizar unha actuación integral noutras zonas máis altas do barrio para mellorar definitivamente os problemas que se poñen de manifesto cando se rexistran choivas intensas.
O delegado territorial confía en que a reunión sirva para “avanzar por fin nestes tres proxectos dentro da lealdade e a colaboración institucional, porque entendemos que urxe sacalos adiante para avanzar nun modelo de mobilidade sostible e dotar á cidade de necesarias prazas de aparcamento para o beneficio do conxunto dos veciños”.