Paula Alvarellos reorganiza o novo equipo de Goberno mantendo a xestión de Urbanismo

LugoXa
Ana González Abelleira será ademáis da portavoz, a delegada da área de Cohesión Social e Territorial, na que se integra a zona rural mentres que Miguel Fernández compatibilizará Transición Ecolóxica co seu labor de deputado.
paula alvarellos alcaldesa de lugo
19 Xan 2024

Ana González Abelleira será ademáis da portavoz, a delegada da área de Cohesión Social e Territorial, na que se integra a zona rural mentres que Miguel Fernández compatibilizará Transición Ecolóxica co seu labor de deputado. Mauricio Repetto coordinará Dinamización Económica e Relacións Institucionais da que dependen as concellerías de Xuventude e Deportes, que dirixe Jorge Bustos, e a de Relacións Institucionais que ocupará Lara Méndez.

Unha hora despois de tomar posesión como nova alcaldesa de Lugo, a rexedora Paula Alvarellos avanzaba esta mesma tarde a configuración das áreas de Goberno que xestionarán as e os concelleiros socialistas.

Unha estrutura na que optou pola continuidade e que figurará recollida nun Decreto de Organización Municipal que mañá mesmo entrará en vigor.

O novo organigrama, no que figuran ás competencias que ten asignadas cada un dos membros que conforman o Executivo local, obedeceu – segundo a alcaldesa – “á vontade de manter o establecido ao inicio de mandato, introducindo só aqueles cambios que resultan necesarios para afrontar o relevo na presidencia da Institución, da maneira máis normalizada posible e, coma sempre, aproveitando os perfís políticos e profesionais dos compañeiros e compañeiras”.

“Todos eles, abondou Paula Alvarellos, son persoas cunha ampla traxectoria en diferentes ámbitos de xestión e estou segura de que, apoiados polo funcionariado, continuarán exercendo un gran labor que redundará na mellora da operatividade interna, na simplificación e dilixencia dos procedementos administrativos pero tamén na prestación de actividades e servizos municipais de calidade, reafirmándonos así no traballo feito e nos obxectivos acadados ata agora como base para seguir progresando”.

A continuación, a mandataria lucense concretou as cinco áreas nas que se configura o Goberno: Alcaldía e Planificación de Cidade; Transición Ecolóxica, Xestión Integral de Recursos Internos; Dinamización Económica e Relacións Institucionais e Cohesión Social e Territorial. Das que desgranou a súa composición e titularidade.

Área de Transición Ecolóxica

Dende ela se afrontará a coordinación executiva e supervisión directa dos asuntos e actividades relacionados coas materias de protección do medioambiente e cambio climático, “un dos piares da nosa acción política e bandeira e signo de identidade deste Concello”, sinalou. Inclúe, así mesmo, a xestión enerxética eficiente; a de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria; parques e xardíns e zonas verdes; o Plan especial de protección do río Miño (PEPRIM); a vixilancia do acondicionamento e ornato dos espazos públicos e a xestión integral do ciclo da auga e as súas redes.

O seu titular seguirá sendo o tenente de alcaldesa Miguel Fernández que compatibilizará estas funcións co seu cometido como deputado provincial de Vías e Obras.

Área de Xestión Integral de Recursos Internos

Atenderá á coordinacion executiva e supervisión directa dos asuntos e actividades relacionadas coa contratación local, o fomento da actividade de interese público e patrimonio municipal, a xeración de recursos económicos; contabilidade; tesourería e recadación; facenda local e xestión e inspección tributaria, alén da xestión do persoal ao servizo da Corporación Local.

O encargado de dirixila será Pablo Permuy que adquire a condición de tenente de alcaldesa.

Área de Dinamización Económica e Relacións Institucionais

Comprende o fomento e promoción da actividade económica; o fomento e promoción do comercio; a formación e fomento do emprego; as estratexias xerais de desenvolvemento local e os festivais musicais e de artes para ese mesmo obxectivo de desenvolvemento local, como pode ser o Caudal Fest.

O tenente de alcaldesa Mauricio Repetto será o Delegado desta área.

Inclúe a Concellería de Xuventude e Deportes entre cuxas responsabilidades figuran os servizos e actuacións que teñan que ver coa mocidade; a prevención das drogodependencias; a Casa de Música; as actividades de dinamización económica da xuventude, actividades, instalacións e equipamentos deportivos así como o fomento do deporte e, ao igual que agora, o ARDE LUCUS. Jorge Bustos se mantén como o seu edil.

Así mesmo, créase a Concellería de Relacións Institucionais, dirixida a fornecer a presenza e os lazos de cooperación da Administración con todo tipo de organismos, entidades públicas e privadas ou colectivos e asociacións; alcanzar acordos de colaboración con entidades de carácter supramunicipal, así como atender o exercicio de funcións relacionadas con materias derivadas de competencias doutras admininstracións que asumirá Lara Méndez.

Área de Cohesión Social e Territorial

Nela continúa a integrarse a promoción e atención á muller, á igualdade e á diversidade, a promoción da conciliación; as organizacións non gobernamentais; as minorías étnicas e inclusión social; a emigración e inmigración, os centros de dinamización rural e a dinamización e promoción sociocultural.

A tenente de alcaldesa Ana González Abelleira será a delegada desta área que tamén asumirá a zona rural, “en prol de mellorar a coordinación de recursos, sacarlle o máximo rendemento ás dotacións públicas e avanzar na atención das necesidades que nos traslada a veciñanza das parroquias, en prol da equidade de prestacións e servizos, tanto na contorna urbana como nos núcleos”, abondou Alvarellos Fondo.

González Abelleira será, ademais, a voceira municipal.

Dentro aínda da mesma área se mantén a Concellería de Benestar Social e Maiores á que corresponde a prestación dos servizos sociais e comunitarios, as instalacións e equipamentos de carácter social; os pisos de emerxencia social; o voluntariado social; os centros de convivencia, o Fogar do Transeúnte e a Casa Domótica, dos que continuará á fronte Olga López Racamonde.

Alcaldía e Planificación de Cidade

“Finalmente, pola miña parte – referiu a alcaldesa - no meu cargo como rexedora, alén de ter atribuída a coordinación executiva e supervisión directa dos Proxectos Estratéxicos de Transformación da Cidade, así como da Axenda 2030 e dos fondos europeos, continuarei asumindo, dentro das miñas funcións, a dirección e xestión de Urbanismo”.

“Trátase dunha decisión meditada, adoptada con responsabilidade e que pon de manifesto o meu convencemento de que os cambios implantados ao inicio do mandato neste departamento darán, xa o están facendo, os seus froitos e quero que teñan unha continuidade, imprimíndolles o impulso necesario dende Alcaldía ao entender que esta área é un piar fundamental para o desenvolvemento económico de Lugo”.

“Para iso, tal e como contempla o Decreto, conto coa posibilidade de designar un director ou directora xeral que contribúa a reforzar o traballo que se fai dende as diferentes seccións, a avanzar na unificación de criterios xa iniciada e tamén a ampliar as ferramentas coas que nos podemos nutrir para dar unha resposta garantista e dilixente ao sector”, apuntou Paula Alvarellos.

A rexedora dirixirá, así mesmo, o goberno municipal, a organización dos servizos administrativos e a representación institucional, especialmente de carácter protocolario.

Corresponderán igualmente á área de Alcaldía os órganos directivos da Secretaría de Pleno, o Órgano de apoio á Xunta de Goberno Local, a Asesoría Xurídica, a Intervención Xeral ou a Sección de Administración Municipal, entre outros.

“É, como avanzamos, unha distribución das áreas que, na súa maioría, dá continuidade á liña xa trazada e á folla de ruta existente e coa que, dunha maneira transversal, se pretende atender os intereses e necesidades da veciñanza dun xeito complementario para reforzar servizos e sumar esforzos na procura dun maior benestar cidadá”, subliñou a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos.

0.19707202911377