Paula Alvarellos será homenaxeada nun acto de lembranza polo seu cabodano

LugoXa
Lectura de poemas e música lembrarán á alcaldesa, recoñecida pola súa dedicación á cidade
paula-alvarellos-alcaldesa-de-lugo
25 Feb 2026

O Concello de Lugo prepara un acto de lembranza en memoria da alcaldesa Paula Alvarellos, coincidindo co primeiro aniversario do seu falecemento, ocorrido o 1 de marzo do pasado ano. A cita será este domingo no Parque Rosalía, nas inmediacións do quiosco da música, a partir das 13.00 horas.

Durante o evento desenvolverase a lectura de poemas, entre eles un escrito especialmente para ela polo seu compañeiro de grupo e amigo, Pablo Permuy, concelleiro que tamén faleceu o ano pasado.

O acto incluirá ademais a participación do cantante de Forguet La France, Roi Álvarez, quen interpretará unha das cancións favoritas de Alvarellos, quen estivo á fronte do Concello de Lugo desde o 18 de xaneiro de 2024 ata o seu falecemento.

O rexedor lucense, Miguel Fernández, convidou á veciñanza a participar neste acto de lembranza, que será o primeiro dunha serie de eventos de homenaxe que o Concello está a preparar. Fernández destacou que “con eles queremos lembrar a gran pegada que deixou nos e nas lucenses, o gran traballo que realizou para a cidade, e tamén a súa figura, a dunha muller valente, traballadora e comprometida con Lugo e a súa veciñanza”.

0.12237882614136