Pecha as súas portas a exposición 'Lugo no tempo' cun balance de 4.000 visitantes
A exposición Lugo no tempo, organizada pola Xunta de Galicia, a través da Cidade da Cultura, e por Afundación, pechou as súas portas o pasado sábado na sede desta última entidade con 4.000 visitantes. A mostra, inaugurada o 28 de marzo, reuniu ao redor dun cento de pezas entre obras de arte, fotografías, documentos e mapas históricos e obxectos inzados de simbolismo, construíndo un relato único sobre a historia dunha urbe exemplo de convivencia e integración de culturas: a galaica e a romana.
Comisariada por Manuel Gago e co asesoramento da escritora lucense Marica Campo, a mostra abordou o pasado e presente de Lugo desde distintas perspectivas como son a economía, a creación artística, a estética urbanística, o entretemento e a memoria. Dos seus 4.000 visitantes, mais dun milleiro foron escolares que participaron nas visitas didácticas postas en marcha no marco da exposición.
A sociedade lucense puido gozar dunha oportunidade única para achegarse á orixe e evolución dunha cidade marcada pola Muralla, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e sen perder nunca a escala humana da relación entre a súa veciñanza. Un percorrido polos grandes cambios urbanísticos de finais do século XIX e o despegue do século XX, con referencias ao seu papel como capital agrogandeira ou ás súas celebracións emblemáticas, como o San Froilán e o Arde Lucus, que quedan recollidas no seu correspondente catálogo, xa á venda.
Despois do paso por Santiago de Compostela (xuño-setembro 2022), Ferrol (novembro 2023-xaneiro 2024) e Lugo (marzo-maio 2023) e con 15.000 visitantes acumulados, o percorrido do proxecto expositivo Cidades no tempo continuará na Coruña en xullo cunha nova exposición. Vigo, Ourense e Pontevedra completarán este achegamento á cultura urbana de Galicia.