Pecha unha nova tempada do programa Coñece a túa provincia da Deputación

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Preto de 3.650 persoas de 150 asociacións da provincia participaron na cuarta edición desta iniciativa da Deputación
conece-a-tua-provincia
10 Nov 2024

A Deputación de Lugo vén de pechar esta semana “con éxito” unha nova tempada do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia. Preto de 3.650 persoas de 150 asociacións da provincia participaron na cuarta edición desta iniciativa que se desenvolveu en dúas quendas neste 2024. Entre os meses de setembro e outubro, un total de 1.648 persoas de 72 colectivos participaron nesta proposta turística dirixida a dinamizar a economía local e dar a coñecer o territorio xerando un retorno económico de máis de 115.000 euros.

Esta semana catro entidades de Guitiriz, Foz, Taboada e Barreiros percorreron as comarcas da Ribeira Sacra, A Mariña e Sarria.

O martes, a asociación Os Vilares de Guitiriz fixo a ruta de Quiroga, que inclúe entre outros unha visita a unha empresa produtora de viño e de aceite do territorio e a un obradoiro de artesanía. Antes de iniciar o seu recorrido pola Ribeira Sacra, o colectivo veciñal parou na Granxa Gayoso, onde coñeceu as instalacións da institución provincial.

As asociacións do Castro de Vilaronte de Foz e de Santa María de Xián de Taboada foron os protagonistas o xoves deste programa de viaxes. Os primeiros pararon no Pazo de San Marcos da Deputación antes de continuar a súa ruta cara a abadía de San Clodio e o centro de interpretación da minería aurífera en Ribas de Sil e despois fixeron unha visita ao túnel e igrexa de Montefurado. Os segundos coñeceron a Produtora do Servizo de Audiovisuais provincial e logo seguiron ata Mondoñedo, onde coñeceron entre outras puntos de interese o casco antigo e o cemiterio vello.

A veciñanza de San Pastor, de Barreiros, pechou o venres esta tempada do Coñece. O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, deulles á benvida no Mazo de Santa Comba da institución provincial antes de que puxeran rumbo a Sarria e a Samos. Visitaron o mosteiro de Samos, o casco histórico de Sarria e o museo do pan.

Unha tempada máis, o programa Coñece a túa Provincia incluíu, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.

0.22439503669739