Pechan os parques de Lugo ante a alerta por fortes ventos

O Concello de Lugo informa de que, a última hora desta tarde, a Concellería de Transición Ecolóxica procederá ao peche dos parques da cidade ante a chegada dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel amarelo, debido a ventos de compoñente sur que poderían acadar refachos de ata 70 quilómetros por hora.
Segundo comunicou a área responsable, o temporal afectará especialmente ao centro da provincia de Lugo, polo que, como medida preventiva, os operarios dos servizos municipais procederán ao precintado dos parques Rosalía de Castro, Frigsa, Paxariños e Marcos Cela. A partir dese momento, quedará prohibido o acceso a estas zonas.
O Concello fai un chamamento á cidadanía para que respecte estas limitacións e evite correr riscos innecesarios que poidan poñer en perigo a súa seguridade. Así mesmo, recoméndase non visitar outras zonas verdes municipais con arboredo ata que melloren as condicións meteorolóxicas.