Pedrafita contará cun edificio de ata 13 vivendas de alugueiro accesible

LugoXa
A promoción levantarase en solo municipal da avenida de Castilla e apostará por un modelo autosuficiente, sostible e de consumo enerxético nulo
Proxecto-edificación-vivendas-Pedrafita-do-Cebreiro
6 Feb 2026

A entidade estatal de vivenda CASA 47, adscrita ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, vén de adxudicar a redacción do proxecto de edificación dun edificio de ata 13 vivendas destinadas ao alugueiro accesible en Pedrafita do Cebreiro. A actuación desenvolverase en terreos de titularidade municipal situados nos números 38 e 40 da avenida de Castilla e enmárcase dentro do Plan de Vivenda de Alugueiro Accesible impulsado polo Goberno central.

A redacción do proxecto, tanto na súa fase básica como de execución, foi asignada á firma Taller de arquitectura BIM S.L. por un importe de 140.816 euros, impostos excluídos. A elección resolveuse mediante un concurso de proxectos con intervención de xurado, un procedemento que garante a libre concorrencia competitiva e prioriza a calidade técnica e a viabilidade da proposta arquitectónica seleccionada.

O proxecto foi avaliado atendendo a criterios técnicos de deseño e a variables sociais, ambientais e económicas, co obxectivo de asegurar a súa sustentabilidade e execución a longo prazo. A proposta presentada contempla un edificio autosuficiente de consumo enerxético nulo que minimiza as emisións de CO2 e reduce os prazos de obra grazas á aposta por un sistema de construción industrializada e prefabricada nas partes principais do inmoble.

As vivendas proxéctanse con todas as estancias abertas a fachada, sen patios interiores, e cunha especial atención ao deseño dos espazos de acceso e uso común, concibidos de maneira luminosa, ampla e segura, evitando recunchos que dificulten a percepción global do espazo. Para acadar a autosuficiencia enerxética, o edificio combinará un sistema de xeotermia para calefacción e refrixeración cunha instalación fotovoltaica complementada con minixeración eólica para a produción de electricidade.

Esta promoción contribuirá a incrementar o parque público de vivenda a prezos accesibles en Pedrafita do Cebreiro, co obxectivo de dar resposta ás necesidades habitacionais da localidade e favorecer o asentamento de poboación no territorio. As vivendas pasarán a integrarse de maneira permanente no parque estatal de vivenda accesible, xestionado por CASA 47, que intervirá en todo o ciclo residencial, desde a disposición e urbanización dos solos ata a edificación, a entrega das chaves e a xestión dos inmobles, garantindo así o acceso a unha vivenda digna para a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.080770969390869