Pedrafita do Cebreiro impulsa a construción de 12 vivendas de alugueiro asequible

LugoXa
Pedro Blanco destaca o proxecto como un exemplo de política pública para fixar poboación no rural e afrontar o reto demográfico
Pedro-Blanco-e-alcalde-de-Pedrafita
28 Jan 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor a aposta do Concello de Pedrafita do Cebreiro por facilitar o acceso a unha vivenda digna e a prezos accesibles no rural galego, unha iniciativa que conta coa colaboración do Goberno de España a través do Ministerio de Vivenda e da Sociedad Española de Promoción de Suelo, SEPES. Fíxoo tras manter un encontro co alcalde, José Luis Raposo, no que analizaron os avances do proxecto para a construción de 12 vivendas de alugueiro asequible no municipio lucense, impulsadas ao abeiro do Plan de Vivenda para o Alugueiro Asequible.

Durante a reunión, Pedro Blanco salientou o “magnífico traballo do alcalde” e afirmou que esta actuación é “un exemplo do labor dos alcaldes e alcaldesas das zonas do reto demográfico, que están a aproveitar os recursos do Goberno para ofrecer alternativas habitacionais que permitan fixar poboación e garantir futuro no rural galego”. O delegado subliñou tamén que se trata da primeira actuación deste plan do Ministerio de Vivenda e de SEPES en Galicia e dunha das primeiras en toda España centrada especificamente no reto demográfico.

As novas vivendas construiranse en dúas parcelas de titularidade municipal e, unha vez rematadas, serán cedidas ao Concello para a súa xestión en réxime de alugueiro social. Trátase dun proxecto pioneiro que busca dar resposta ás necesidades dun concello que aposta por asentar poboación nun contexto marcado pola loita contra o despoboamento.

No encontro, o delegado do Goberno e o alcalde abordaron tamén outras actuacións de competencia estatal no municipio, entre elas as melloras previstas na travesía de Pedrafita e na área de descanso de camións, así como distintas intervencións promovidas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

⚙ Configurar cookies
0.086328983306885